Ineo e FEGAXE celebran este martes un obradoiro para facilitarlles aos emprendedores o camiño das axudas

luns, 9 de abril do 2012 Fernando Sarasketa

O Pazo da Cultura de Pontevedra é o emprazamento elixido para esta actividade

A asociación galega Ineo, en colaboración con FEGAXE, celebra este martes 10 de abril unha actividade de natureza práctica para facilitar que entre emprendedores e recursos de financiamento público e privado haxa o menor número de atrancos. Ou sexa, para que no caso de estar proxectando un proxecto innovador nunha empresa ou termos entre mans unha empresa nova saibamos exactamente as teclas que tocar co fin de recadar os meirandes e mellores apoios posíbeis. A actividade desenvólvase baixo o seguinte epígrafe: Obradoiro sobre Financiamento para non financeiros: Estratexias de financiamento para emprendedores. A xornada, amais do devandito, servirá a para facilitar a resolución de dúbidas e consultas dos asistentes, que terán á súa disposición a representantes de Novagalicia Banco e Banco Sabadell.
O obradoiro contará con relatores de primeira liña de innovación: axentes, expertos e diversos representantes da Administración e de asociacións empresariais afeitas no seu día a día a traballar co coñecemento, a creatividade, a procura de apoios para as firmas ás que dan acubillo e a busca de novos mercados.
A actividade de Ineo e FEGAXE (Federación Galega de Xoves Empresarios) celébrase no Pazo da Cultura de Pontevedra, entre as 10.00 e as 14.00 horas. Será inaugurada por Lucía Gregorio, directora de Ineo, e José Valenzuela, presidente de AJE Pontevedra. O seu obxectivo, lembran, é promover o emprendemento en Galicia, achegándolles aos responsábeis das novas iniciativas galegas de mercado todo tipo de recursos reais para facer realidade as axudas e subministrándolles a posibilidade de sentar, cara a cara, cos representantes das entidades financeiras co fin de resolver as súas dúbidas concretas.
Precisamente esta posibilidade de celebrar mesas de traballo cos membros das entidades será un dos puntos máis salientábeis do taller, informa Ineo. Para dar corpo a esta liña de traballo, participarán na actividade Ángel Álvarez Prego, director de Empresas para as provincias de Pontevedra e Ourense do Banco Sabadell, e máis un representante de Novagalicia Banco, ámbolos dous achegando a súa experiencia persoal para a resolución de consultas acerca de cuestións como o que teñen en conta os bancos para conceder créditos e capital que axuden á posta en marcha dunha empresa.
A xornada tamén contará coa presenza de Guillermo Viña, xerente de IgapeNova, e Juan Manual Cividanes, director xeral de XesGalicia, así como dun representante da Consellería de Traballo. Xuntos darán forma a un relatorio colectivo sobre axudas para as iniciativas de mercado en Galicia. Asemade, Emilio Iglesias, coordinador nacional de Eureka, adxunto ao CDTI, e Ana Martínez, técnico da Área de Xestión Mediación do ICO, abordarán os apoios a nivel nacional. Asemade, o Consello Galego de Cámaras tamén liderará un relatorio sobre As Claves para atopar capital.
O obradoiro que organizan Ineo e FEGAXE está dirixido sobre todo “a estudantes que se estean a propor o emprendemento como saída profesional e a profesionais que teñan vocación emprendedora”.
A asistencia á xornada é aberta, de balde para socios de Ineo e FEGAXE, e cun custe de 40 euros máis IVE para non asociados. A inscrición debe formalizarse chamando ao teléfono 986 112 570 ou enviando un correo electrónico indicando nome e apelidos da persoa que asiste así como os datos de contacto e a empresa á que pertence. Ineo insire o obradoiro na súa arela de fortalecer o sector TIC da nosa terra, pondo ao seu alcance formación especializada e asesoramento para a posta en marcha de iniciativas que marquen as diferenzas, permitíndolle ao noso tecido tecnolóxico-dixital seguir medrando.

PUBLICIDADE