Ineo e Clúster TIC Galicia colaboran na xornada compostelá da xira @asLAN

mércores, 6 de setembro do 2017 Fernando Sarasketa

Temos máis datos sobre a nova edición da xira Tour Tecnolóxico @asLAN, que organiza a asociación do mesmo nome por unha manchea de localidades estatais e que fará recalada na nosa terra, o 21 de setembro no Hotel Araguaney, baixo o epígrafe Transformación dixital, Todo Conectado (contando novamente coa colaboración Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia, o COETG). Na cita participará unha vintena de empresas asociadas ofrecendo a súa visión sobre as diferentes opcións tecnolóxicas para que grandes e pequenas empresas poidan adaptar as súas infraestruturas ao novo proceso de transformación dixital. A cita de Compostela será a primeira da xira. Amais de dispor do respaldo co COETG, a xornada galega está a recibir o da asociación tecnolóxica Ineo e o do Cluster TIC Galicia.
O tour, que forma parte do plan de actividades de @asLAN para 2017, está encamiñando a crear espazos de encontro e divulgación tecnolóxica. A nivel empresarial o periplo ten o apoio dunha manchea de empresas de primeira liña de mercado, como Sophos, Cambium Networks, Watchguard, Dell EMC, Flytech, Eset, Alcatel, Allied Telesis, Gigaset, CCTV Center e Thycotic. Esta edición número 12 do itinerario virará sobre “o papel das tecnoloxías en rede para impulsar a transformación dixital" e ofrecerá, en palabras da organización, “unha ampla perspectiva sobre importantes tendencias de futuro e solucións tecnolóxicas dispoñibles para construír infraestruturas dixitais aliñadas co negocio”. Cousas como a Internet das Cousas ou a nube híbrida.
Durante o Foro Tecnolóxico Santiago, os asistentes coñecerán de primeira man as novidades sobre traballo en rede, Internet das Cousas, centros de procesamento de datos, seguridade, análise da información, identidade dixital, computación na nube, mobilidade e colaboración en rede.
Markel Gruber, presidente da Asociación @asLAN sinala que “o foro que terá lugar este mes en Santiago de Compostela será unha oportunidade para coñecer os novos rumbos das tecnoloxías dixitais avanzadas da man de importantes fabricantes internacionais, así como para compartir experiencias con responsables IT de grandes e pequenas empresas de Galicia”.

PUBLICIDADE