Ineo desvela os seus obxectivos para 2009: afondar na competencia apoiándose na cooperación

mércores, 11 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Malia o axitado da superficie e o cambiante dos seus límites, a actividade económica do dixital é un espazo do que se pode obter unha folla de ruta. Hai uns cantos puntos de referencia cos que de xeito inevitable nos damos de fronte. Un dos máis salientables é a innovación, e outro, a súa consecuencia máis directa: a competitividade. O sector das novas tecnoloxías do coñecemento, a fin de contas, vai desvelando paseniño os seus misterios. En certa maneira, constitúe un gran xogo de mercado onde diferentes empresas agrupadas en diversas frontes se axudan unhas a outras facendo tamén entre elas o que teoricamente menos lles convén: competir. Este, o da cooperación na rivalidade é o presente da asociación empresarial Ineo, fronte galega de empresas TIC que, segundo fai saber estes días co gallo da presentación dos seus obxectivos estratéxicos, asume o futuro coma unha prolongación e unha ampliación desa teima por innovar e producir.
A maiores, no que se basea o seu programa é en mellorar o coñecemento a través da investigación de novos mercados e a posición a nivel nacional e internacional das empresas galegas no sector. Isto, lonxe de representar a delimitación duns límites no eido da colaboración, en realidade tíraos abaixo. Do que se trata, informou Ineo estes días nun acto convocado na Zona Franca de Vigo (con continuidade mañá en Santiago), é de tender ao desenvolvemento de proxectos conxuntos non só con empresas do propio sector, senón coas dos restantes tecidos produtivos.
Con este fin, a fronte empresarial TIC está integrada dentro das catro confederacións empresariais provinciais e ao mesmo tempo no marco da Confederación de Empresarios de Galicia. Por certo que para a asociación, os eixes de colaboración non se esgotan na nosa xeografía: as administracións nacionais e os clústers e confederacións empresariais do resto do Estado constitúen a xuízo de Ineo importantes apoios para un eido de actividade concreto: a posta en marcha de proxectos conxuntos que acaden obxectivos que, de xeito individual, dificilmente poderían acadarse. Nesta liña precisamente é onde se insire a integración de Ineo na Asociación Española de Empresas TIC (AETIC) e na Confederación Nacional de Empresas TIC (CONETIC), na que por certo ocupa a vicepresidencia.
Durante a presentación dos programas de actividade presente e futura da asociación galega de compañías vinculadas ao dixital, tamén se fixo fincapé nos proxectos para 2009 (incluídos dentro do seu Plan Operativo) en materia de divulgación, o principal piar de apoio dunha sociedade, a do coñecemento, que por nova, precisa máis que ningunha outra de linguaxes claras que falen dela: informes de competitividade anual, elaboración e presentación de guías, solucións para os empresarios dos distintos sectores, execución de accións formativas para o persoal das empresas asociadas, plans de especialización profesional no fomento da implantación de sistemas de calidade nas empresas, etc.
Asemade, e sen saírmonos desta liña de traballo a prol da innovación e a competitividade, Ineo deu a coñecer o seu compromiso a prol de pechar o círculo: no eido do mercado actual onde tantos países e compañías entran en xogo procedentes de todos os recantos do mundo, non abonda con sermos competitivos, cómpre amosalo. Deste xeito, dentro da súa liña estratéxica cobra especial importancia a aposta pola acreditación, máis concretamente a que vén da man das certificacións de calidade nas empresas. O traballo de Ineo, neste senso, non será especialmente novo, pero si que xorde coa arela de ser máis fondo: do que se trata é de continuar o labor desenvolvido nos últimos dous anos a prol deste tipo de implantacións e que, logo de 51 proxectos, deu como resultado a achega paulatina de certificacións de calidade a máis de trinta empresas do sector.
A xornada celebrada en Vigo, informa a asociación TIC, tamén serviu para facer entrega dos correspondentes certificados acreditativos ás firmas que foron quen de rematar con éxito o dito proceso de implantación. Para achegar un por un os avais, o acto contou coa presenza dun representante da empresa certificadora: Albert Canadell, responsable de mercado de Det Norske Veritas (DNV).

PUBLICIDADE