Ineo colabora coas mulleres galegas do rural para integrar as redes fóra das cidades

martes, 19 de outubro do 2010 Fernando Sarasketa

A delegación galega da Asociación de Mulleres e Familias do Ámbito Rural (AMFAR) e a entidade empresarial Ineo veñen de unir esforzos para mellorar a calidade de vida das nosas familias dos eidos non urbanos coa posta en xogo de diversas actividades tecnolóxico-dixitais. O proxecto conxunto, que se presentou este martes 19 no Centro Caixanova de Lalín, conta co apoio orzamentario do Ministerio de Medio Ambiente a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER). A iniciativa, chamada eStarBien, busca minimizar na medida posible as fendas dixitais que lle son propias ao noso ámbito rural, a unir a outras fendas previas que non fan máis que agravarse (precisamente) polas dixitais. O miolo do proxecto é ir achegando rede para que as restantes desigualdades se reduzan, por exemplo as desigualdades de promoción laboral e económica, até agora dificilmente superables por non contarse con canles comunicativas axeitadas.
O proxecto de AMFAR articúlase a modo de proxecto piloto colaborativo, con 50 familias de Lalín e Bolaños (vila de Cidade Real) dando os primeiros pasos no mesmo a través dun proceso de selección dos servizos que máis precisan nos seguintes eidos: asistencial, de traballo e de lecer. En base a isto, impulsarase nestas 50 familias a posta en marcha dun fogar dixital propio para cada unha delas e no que virá incluída unha plataforma de acceso e uso. Esta plataforma, que será o sistema dende o que se manexe e centralice o fogar dixital, incorporará as adaptacións precisas para o seu uso pleno e eficaz nun eido familiar rural, pouco afeito (por mor do desleixo de institucións e empresas responsables) á realidade da Sociedade da Información. O sistema, informan AMFAR Galicia e Ineo, será accesible dende a televisión, o PC e máis o teléfono móbil.
Este proxecto é a primeira iniciativa inscrita no convenio de colaboración entre AMFAR e INEO, asinado en Santiago o pasado mes de agosto, “e co que inicia unha andaina conxunta para aproveitar a potencialidade das novas tecnoloxías no fomento do benestar das familias no rural e para vehicular a participación da muller rural nas actividades socioeconómicas e produtivas de alto valor engadido”, informan os responsables da iniciativa conxunta.

PUBLICIDADE