Ineo celebra os seus dez anos de traballo a prol do sector TIC

mércores, 17 de febreiro do 2016 Fernando Sarasketa

A asociación galega Ineo, da que falamos precisamente onte para dar conta do seu importante acordo co CPEIG (destinado a xuntar forzas a prol do noso sector e os nosos profesionais TIC), está estes días de celebración. Máis en concreto, a entidade celebra os seus dez anos de actividade, unha década de intenso traballo que lle serviu, entre outras cousas, para defender os intereses das firmas galegas do ámbito dixital, para facer fronte común con outras entidades a prol do desenvolvemento en común do noso sector (por exemplo o devandito acordo co CPEIG e os tamén recentes asinados con TIC Ferrolterra en outubro e do formalizado con AGESTIC en decembro) e, tamén, para afianzarse como “a asociación empresarial do sector TIC de referencia en Galicia”.
Para celebrar os dez anos de traballo a asociación lanzou na Rede un vídeo conmemorativo na que se fai repaso da filosofía pasada, presente e futura de Ineo. A peza audiovisual, por certo, é tamén un convite a pechar fileiras, entre todas e todos, a prol de fortalecer e reivindicar o noso tecido tecnolóxico-dixital e, en última instancia, o propio futuro produtivo e económico de Galicia.

PUBLICIDADE