Ineo celebra o seu décimo aniversario impulsando Talento.gal e presentando nova directiva

venres, 7 de outubro do 2016 Redacción

A iniciativa Talento.gal, posta en marcha pola asociación Ineo, desenvolve dende onte o seu foro networking. O encontro, que se celebra hoxe tamén, ten o seu centro de operacións na sede de AFundación en Vigo. O evento vén da man de Ineo co apoio IGAPE e serve de apertura aos actos de celebración do décimo aniversario da dita asociación de empresas TIC. O obxectivo de Talento.gal e do foro que lle serviu de face visíbel e presentación foi xerar sinerxías e abrir vías de colaboración de alto nivel entre o tecido empresarial galego da área tecnolóxica e profesionais galegos asentados no estranxeiro que traballan nas principais compañías internacionais do sector.
Na cita deste xoves participou o conselleiro de Economía, Francisco Conde, así como representantes institucionais e do empresariado. Os actos serviron tamén como presentación da nova xunta directiva de Ineo, na que Giovanni Giardina toma a substitución de Carlos Conde á fronte da sectorial tecnolóxica galega.
Durante a súa intervención, o conselleiro agradeceu ao presidente saínte da asociación, Carlos Conde, a adicación que demostrou á hora de liderar a entidade, que ten “como principal obxectivo a defensa dos dereitos e intereses do sector TIC”. Ao mesmo tempo, o conselleiro en funcións felicitou ao novo presidente de Ineo, a quen convidou a seguir dar continuidade á aposta a prol da innovación que caracterizou o traballo da asociación ao longo desta década de actividade. Asemade, Conde aproveitou para salientar “o importante peso” que representa o tecido tecnolóxico-dixital en Galicia.
Nesta liña amosouse tamén o novo presidente de Ineo, Giovanni Giardina, que destacou “o bo facer das firmas do sector TIC galego”, e dixo que “temos que estar orgullosos delas, xa que o seu traballo sempre é sinónimo de garantía e de calidade, de saber facer produtos e servizos e de grandes profesionais”. Giardina tamén lembrou os principais retos de Ineo para esta nova andaina que comeza, entre os que se conta o de seguir fomentando “un sector galego forte, que sexa quen de competir a nivel internacional, de colaborar para atender de maneira axeitada as necesidades dos clientes dándolles unha resposta integral, de xerar postos de traballo que absorban os excelentes titulados que se forman nas nosas universidades e, sobre todo, de contribuír ao benestar xeral da Comunidade”.
Giardina tamén fixo fincapé na importancia de iniciativas como Talento.gal, dirixidas ao amosar, visualizar e aproveitar as altas capacidades dos nosos profesionais no mundo (especialmente potentes no sector tecnolóxico), a xeito de rede de contactos de alto nivel para as nosas empresas”. Giardina engadiu que “foi a experiencia de Ineo a que permitiu abrir estas canles de colaboración e pór en marcha esta iniciativa”.
Talento.gal
Talento.gal, cuxa primeira xornada de traballo continuará hoxe venres 7 de outubro (tamén en AFundación de Vigo, na rúa Policarpo Sanz), permitiu reunir en Vigo un total de 16 profesionais galegos que traballan no estranxeiro ocupando postos destacados en empresas tecnolóxicas de referencia a nivel internacional como Microsoft, Warner Music, Visa, Siemens, Orange, Cern, Telefónica USA ou Vasco Data Security, entre outras.
Segundo informa Ineo, moitos destes profesionais amosaron a súa disposición e interese en establecer contactos coas nosas empresas. O obxectivo de Talento.gal, polo tanto, céntrase en orientar a firmas establecidas na nosa terra para que coñezan en que traballan os devanditos profesionais nas súas respectivas compañías e que colaboracións poderían propor. Segundo informa Ineo, “son moitos os eidos nos que se poderían establecer sinerxías”. Por exemplo, sería viábel crear unha porta de entrada a investigadores que buscan empresas para pór en mercado as súas solucións, “xa que por esta vía abriríase un camiño para chegar a firmas de terceiros países con moito máis percorrido neste ámbito”. Ineo tamén salienta as posibilidades dos programas destas compañías internacionais para estimular o emprendemento nos seus traballadores, identificando proxectos nos que investir ou facilitando que os seus empregados adiquen parte da súa xornada a asesorar outros emprendedores, “o que suporía unha oportunidade para novos empresarios galegos”.
Talento.gal, que conta co apoio do IGAPE, a Xunta ou os fondos europeos FEDER, é unha iniciativa que busca abrir o seu propio proxecto a ouros axentes, alén do empresariado. Abrirse, polo tanto, a universidades que queiran manter o contacto cos seus alumnos, colexios profesionais que desexen identificar onde están os seus profesionais máis recoñecidos, administracións públicas que desexen facer seguimento da circulación do talento, etc. En definitiva, “que se converta nun observatorio do talento galego a nivel mundial e nunha rede de intercambio de experiencias”.

PUBLICIDADE