Ineo augura importantes acordos para as nosas empresas logo da Misión Inversa

luns, 27 de abril do 2015 Redacción

Rematou finalmente sobre o papel a Misión Inversa levada a cabo por Ineo os días pasados, aínda que na práctica terá ampla e fonda continuidade. Como lembraremos, a misión consistiu nunha serie de xuntanzas desenvolvidas en Santiago e noutras cidades nas que participaron (por unha banda) un nutrido grupo de representantes de diversas administracións de México e Perú e (doutra banda) unha serie de empresas tecnolóxicas da nosa terra amosando os seus máis avanzados recursos en materia de Cidades Intelixentes. Ademais, tomaron parte activa na experiencia administracións, asociacións e organismos galegos, compartindo experiencias smart cos mandatarios e os profesionais chegados da outra beira do Atlántico (un total de quince).
O resultado de todas estas xeiras de traballo en común será, a todas luces, un importante retorno económico a medio prazo para as empresas (un total de doce) que participaron delas. De feito, o interese amosado pola delegación americana foi moi grande, e varios representantes das administracións mexicanas e peruanas xa convidaron a varias firmas galegas a viaxar aos seus países de orixe para amosar alí, in situ nas cidades das que proviñan, as súas solucións tecnolóxicas innovadoras. Segundo informa Ineo, os quince dirixentes que participaron na Misión Inversa realizaron visitas a SOGAMA, A Coruña Smart City, ANFACO-CECOPESCA ou CETMAR, emprestando especial atención a solucións tecnolóxicas relacionadas co mantemento de xardíns, a rega intelixente, a xestión do tráfico e a xestión de refugallos”.
Respecto dos lugares de orixe dos mandatarios que concorreron na iniciativa, son os seguintes: as municipalidades peruanas de Lima, Lince e San Juan de Miraflores e Carabayllo; e os concellos mexicanos de Córdoba, Saltillo, Monclova e Atizapán de Zaragoza. Ademais, asistiron os presidentes do Sistema Público de Radiodifusión do Estado Mexicano e o Instituto Tecnolóxico da Produción de Perú.
A Misión Inversa a Galicia de representantes públicos peruanos e mexicanos veu da man de Ineo (Asociación de Empresas TIC de Galicia) e contou co apoio orzamentario do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG). Celebrouse durante os días 20, 21 e 22 de abril co obxectivo de dar a coñecer aos devanditos dirixentes solucións orientadas a cidades smart desenvolvidas por empresas galegas. En palabras de Ineo, “pretendeuse deste xeito fomentar e afianzar a internacionalización das empresas galegas mediante o contacto directo con potenciais compradores de tecnoloxía procedentes de países que, por historia, idioma e cultura, conforman mercados cun alto potencial para a xeración de negocio, neste caso en particular, relacionado con produtos e servizos do ámbito Smart City”.
A iniciativa deu comezo cun acto inaugural de acceso público, no que interviñeron o presidente de Ineo, Jorge Cebreiros; a director da área de Internacionalización do IGAPE, Abel Veiga; e o xerente do COETG, Ricardo Fernández. A continuación os 15 mandatarios participantes fixeron unha presentación das entidades ás que representan explicando as súas necesidades tecnolóxicas. Xa pola tarde e durante as dúas xornadas seguintes os mandatarios estiveron a disposición das empresas, tanto para manter reunións individuais como para realizar as visitas nas que puideron comprobar directamente o funcionamento das ferramentas e solucións tecnolóxicas xa implantadas.

PUBLICIDADE