Ineo ábrelle as portas do mercado iberoamericano ás empresas TIC galegas

venres, 17 de xuño do 2011 Raquel Noya

En tempos de crise, como os actuais, estancarse nun mercado e agardar a que as oportunidades veñan a nos, é un luxo que non se poden permitir nin as grandes firmas, que tamén teñen que saír a buscar o seu oco alén das nosas fronteiras.
INEO, a Asociación Multisectorial TIC de Galicia, a fin de abrirlle as portas doutros mercados ás súas empresas asociadas, vai celebrar, o vindeiro mércores, 22 de xuño, unha xornada sobre a expansión internacional das empresas tecnolóxicas nos países de Iberoamérica, á que poderán asistir de balde calquera persoa interesada, previa inscrición a través de comunicacion@ineo.org.
A xornada, que leva por título, A internacionalización aos países iberoamericanos, celebrarase no Salón de Actos da Confederación de Empresarios de Galicia, en Santiago de Compostela, e traerá como relatores convidados a representantes institucionais e empresariais do sector TIC, así como a expertos en internacionalización de empresas, que exporán as oportunidades de negocio que lle ofrecen os países desta zona ás empresas tecnolóxicas do noso país.
J. Luís González, do Servizo de Licitacións Internacionais da CEG, será o encargado de abrir a xornada formativa, explicando, entre outras cousas, cómo se deben abordar as licitacións nestes países e os atrancos máis habituais que se soen atopar nestes mercados.
Posteriormente, a xerente da Confederación Nacional de Empresas TIC (CONETIC), Gloria Díaz, explicará de primeira man as oportunidades que presenta o programa COOPERATIC á hora de darlle pulo á cooperación tecnolóxica entre Galicia e Iberoamérica.
As persoas asistentes tamén terán a oportunidade de presenciar o relatorio de Alberto Abella, socio de Rooter, quen presentará a Guía de factores básicos de cooperación en I+D+i para a PEME TIC.
Tamén asistirá como convidado o director de Mercados Innovadores Globais do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), Javier Echávarri, que exporá as oportunidades que ofrece o proxecto Iberoeka á hora de colaborar no eido internacional en materia de I+D+i, e que manterá reunións individuais coas persoas interesadas en coñecer máis polo miúdo estas vantaxes.
A xornada rematará coa intervención de Francisco Javier Balbín, director de Comercio Exterior de Banco Sabadell, quen abordará a financiación de proxectos tecnolóxicos en países iberoamericanos, un eido de interese para os axentes TIC galegos.

PUBLICIDADE