Industria lanza unha aplicación para afianzar nos concellos o uso de factura electrónica

martes, 14 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

O Ministerio de Industria vén de poñer a disposición dos concellos a a primeira versión da plataforma e-fácil, unha ferramenta informática de balde integrada no Plan Avanza e dirixidas a facilitar o traballo administrativo a través dunha aposta polo dixital. Máis polo miúdo, permitiralles ás entidades locais a recepción de facturas electrónicas e a constitución telemática de empresas. De feito, e-fácil constitúe o achegamento aos concellos do formato facturae (estándar de factura electrónica) e máis do Centro de Información e Rede de Creación de Empresas (CIRCE), que posibilita a constitución dunha empresa de xeito telemático, é dicir, a distancia e con axuda das novas ferramentas dixitais.
Esta integración con CIRCE, en funcionamento dende 2003, cobre as necesidades de tramitación estatais e autonómicos para os procesos de creación de tres tipos de entidades: sociedades de responsabilidade limitada, sociedades limitadas novas empresa e empresario individual (autónomo). A maiores de todo isto, e-fácil deixa marxe para que os emprendedores poidan consultar os trámites de formalización do seu negocio dende as páxinas web dos concellos. Isto poderá levarse a cabo a través dun servizo chamado cartafol do empresario. Sinalar tamén que e-fácil é un aplicativo multientidade, o que deixa a xestión en mans de entidades supramunicipais que centralizarán e reducirán os custos de mantemento.

PUBLICIDADE