Industria felicita aos oito equipos de estudantes galegos que resultaron vencedores na feira científica Exporecerca

martes, 3 de abril do 2012 Raquel Noya

Participantes galegos con Ricardo Capilla

A Consellería de Economía e Industria, da man do director xeral de I+D+i, Ricardo Capilla, viaxou a pasada semana ata Barcelona cunha expedición galega de estudantes que, cos seus proxectos de investigación, participaban na maior feira científica para escolares de España, a Exporecerca.
O éxito case estaba asegurado; unha tarde por semana, estes 39 estudantes achegábanse ata o Parque Tecnolóxico de Galicia para levar a cabo os seus proxectos (individualmente ou por equipos) baixo a tutela dun equipo de formadores que lles marcaban as pautas a seguir para realizar unha investigación científica rigorosa.
A teima e a perseveranza destes estudantes fixeron posible que oito equipos dos nosos, máis da metade dos que se presentaron, saíran vencedores na Exporecerca, acadando como premio a asistencia a outras feiras internacionais e estancias titorizadas en centros de investigación con rapaces e rapazas de toda España e tamén de países coma Eslovaquia, Bélxica, Francia, Turquía, México e Brasil.
A participación destes equipos de estudantes no certame estatal foi apoiada pola Consellería de Economía e Industria dende ben antes da celebración do evento, levando a cabo a súa formación e titorización no marco do eixo de divulgación científica do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (i2C) 2011-2015.

Proxectos premiados

O deseño dun detector de radiacións caseiro económico, realizado por Iria Míguez e Alba Cortés, foi merecedor do segundo premio da Exporecerca na categoría do segundo ciclo de Secundaria.

O deseño dun detector de radiacións caseiro económico, realizado por Iria Míguez e Alba Cortés, foi merecedor do segundo premio da Exporecerca na categoría do segundo ciclo de Secundaria. O sistema, que foi usado para avaliar as posibles zonas con risco radioactivo en Ourense, foi desenvolvido no marco das Aulas Tecnópole, e as creadoras poderán participar con el na feira de ciencias que se celebrará en Bratislava (Eslovaquia) na segunda quincena de novembro de 2012.
Por outra banda, os estudantes do Colexio Guillelme Brown, de Ourense, acapararon seis dos premios logrados pola delegación galega na Exporecerca. Dous dos seus equipos viaxarán a Rusia en xuño para participar na Exposcience Europe grazas a que se fixeron con dous primeiros premios na categoría de primeiro ciclo da ESO. Alejandro Vázquez Paradela e Daniel Rodríguez Losada desenvolveron o denominado por eles superchicle, unha goma de mascar que incorpora nutrintes dos que é deficitaria a nosa dieta habitual. Este proxecto foi recoñecido por partida dobre, xa que obtivo tamén o Premio Ciencias da Saúde concedido polo Hospital de la Santa Creu i de Sant Pau e dotado cunha xornada de traballo titorizada por un médico neste centro hospitalario.
Xa noutra categoría, Emma Lorenzo Casas e Sofía Justo Villar realizaron un estudo sobre o uso de sepiolitas (coñecidas como area de gato) como sistema para reter a humidade no solo e aplicalo aos cultivos en zonas áridas, que as levará tamén a Rusia e que foi ademais recoñecido co Premio Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), o que lles permitirá afondar na súa investigación durante unha semana nun dos centros do organismo baixo a tutela dun experto.
A bolsa térmica elaborada con illantes naturais por Laura H. Iriarte Navas e Fabiola Sousa Martín, tamén do Guillelme Brown, conseguiu o segundo premio na categoría de primeiro ciclo da ESO, dotado coa participación na Feira Westenschaps de Bruselas (Bélxica) a finais deste mes de abril.
O último dos proxectos do colexio ourensán recoñecidos na Exporecerca trata sobre a aplicación dos fluídos non Newtonianos ás punteiras das zapatillas de ballet, desenvolvido por Enia Gándara Fernández e Uxía Ayala Regal, recoñecidas cun accésit pola súa idea de usar a fariña maizena para obter punteiras que se adapten mellor aos pés das bailarinas.
Ademais, Gabriel Dapena, Mariana Cabaleiro e Claudio Gómez, do Colexio Alborada de Vigo, acadaron outro accesit polo seu estudo dos fentos pola ruta do río da Fraga, que lles permitiu exhibir un cartel cos datos destas plantas situadas nas distintas zonas, así como unha breve descrición para que o camiñante poida ir identificando estas especies.

PUBLICIDADE