Industria convoca un concurso de fotografía para dar coa imaxe do seu Portal do comerciante

luns, 7 de novembro do 2011 Raquel Noya

A Consellería de Economía e Industria, que recentemente estreou o Portal do Comerciante para dar acubillo a todo tipo de información relacionada co sector do comercio no noso país, vén de convocar un peculiar concurso de fotografía para configurar, a través das pezas gañadoras, a nova imaxe deste portal.
As persoas interesadas en participar deberán ser titulares ou traballadores de calquera establecemento comercial de Galicia e poderán enviar ata un máximo de tres fotografías de temática comercial por persoa.
As catro fotografías gañadoras, que se decidirán mediante o reconto dos votos dos internautas na páxina oficial da Rede de Dinamización Comercial Re-dic en Facebook e a partir da decisión dun xurado, figurarán como imaxe no portal do comerciante, e recibirán asesoramento de balde da man dun experto en escaparatismo e visual merchandising.
As fotografías poderán subirse ao taboleiro do devandito perfil en Facebook ou enviarse ao enderezo fotosportaldocomerciante.cei@xunta.es, onde todas as persoas participantes deberán enviar os seus datos persoais. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 11 de decembro e o fallo do concurso, cuxas bases poden consultarse no Portal do Comerciante, realizarase o 16 de decembro.
Esta plataforma, posta en marcha a finais do pasado mes de xullo, ten por obxectivo impulsar a mellora competitiva do sector comercial en Galicia, e basicamente consiste nunha ferramenta en liña de información e formación para o comercio de proximidade que, entre outras cousas, facilita a creación de novos negocios, a análise da viabilidade de novos proxectos, así como diversos servizos interactivos abertos á participación permanente de comerciantes e consumidores.
A nova web, que desde a súa posta en funcionamento recibiu preto de 6.000 visitas, constitúe, segundo os seus creadores, “unha ferramenta útil e accesible para o sector con contidos especializados para impulsar a modernización e o desenvolvemento do comercio galego”.

PUBLICIDADE