Industria cédelle o selo de garantía da TDT aos comerciantes e distribuidores de equipamento

martes, 3 de marzo do 2009 Raquel Noya

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio vén de anunciar que lle vai ceder de balde, aos fabricantes e distribuidores de equipamento de Televisión Dixital Terrestre (receptores TDT, televisións con TDT integrado, DVD con TDT, discos duros con TDT…) o uso do selo, Pásate a la TDT, empregado na exitosa campaña de comunicación para a difusión da Televisión Dixital Terrestre que se veu realizando nos últimos meses.
Esta autorización do uso gratuíto do logotipo, levada a cabo tras a petición dalgúns fabricantes, engádese á cesión do selo aos instaladores de telecomunicacións e ten tamén como obxectivo incrementar o grao de conexión dos fogares á TDT.
En virtude desta autorización, os fabricantes e distribuidores poderán empregar o logotipo na embalaxe ou carcasa dos equipos TDT que fabrican ou comercializan.
A campaña de comunicación, Que no te pille el Toro, lanzada o pasado 2 de decembro, tiña como principal obxectivo incrementar a penetración da TDT así como fomentar o coñecemento das súas vantaxes e incrementar o número de edificios e fogares con antenas preparadas para a TDT.
O éxito da campaña quedou constatado, segundo o devandito organism, “polas cifras de vendas de decodificadores (máis de 7 millóns de unidades en 2008) e polos resultados das enquisas posteriores ao seu desenvolvemento”.

PUBLICIDADE