Industria actualiza o emprego do espectro radioeléctrico

venres, 10 de maio do 2013 Redacción

O Ministerio de Industria aprobou esta semana unha actualización do Cadro Nacional de Atribución de Frecuencias (CNAF), que é o elemento que regula o emprego do espectro radioeléctrico entre os distintos servizos de radiocomunicacións (telefonía móbil, radio, TV, comunicacións por satélite) nas diferentes bandas de frecuencia. A actualización responde á necesidade de avaliar cada pouco as necesidades de comunicación e as previsións de desenvolvemento de cada un dos servizos, reservándolle os anacos de espectro que en cada caso resulten axeitadas. “A súa actualización”, informa Industria, “sitúase en liña coa Axenda Dixital para España, que propón lograr un uso máis eficiente do espectro radioeléctrico”.
Entre as actualizacións realizadas atópase a previsión do uso da banda do dividendo dixital, arestora empregada polo servizo de televisión, para a prestación de servizos de comunicacións móbiles de banda larga, “o que impulsará a implantación da telefonía móbil de cuarta xeración no país”, sinala Industria. Asemade, ampliouse a zona do espectro que se usa para transmitir en tempo real información audiovisual en recintos públicos para producións multimedia, actuacións artísticas e deportivas, “o que mellorará a conexión e facilitará o uso de dispositivos como os micrófonos sen fíos”, engádese. Por outra banda, esténdese a zona do espectro denominada “de uso común”, que non require de ningún tipo de autorización para o seu uso, “con novas bandas de frecuencia e un maior catálogo de dispositivos e aplicacións que poidan utilizalas”.

PUBLICIDADE