Industria actualiza a distribución do espectro radioeléctrico

xoves, 11 de marzo do 2010 Raquel Noya

Segundo puidemos ler no Boletín Oficial do Estado (BOE) de hoxe, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio vén de aprobar a nova versión do Cadro Nacional de Atribución de Frecuencias (CNAF), mediante unha Orde Ministerial que substitúe á que fora aprobada en novembro de 2007.
Este novo Cadro Nacional de Atribución de Frecuencias establece a distribución do espectro radioeléctrico entre os distintos servizos de radiocomunicacións, para os que constitúe o soporte imprescindible de transmisión da información.
Como ben é sabido, a telefonía móbil, os servizos de radiodifusión e televisión, as comunicacións por satélite e outras moitas aplicacións e servizos precisan para a súa prestación do uso do espectro radioeléctrico, motivo polo que é preciso, segundo informan dende o Ministerio, “avaliar periódicamente as necesidades de comunicación e as previsións de desenvolvemento de cada un dos servizos, resenvándolle as porcións de espectro radioeléctrico que en cada caso resulten axeitadas”.
Nesta nova versión do Cadro, entre outras cousas, actualízanse os seus contidos, introdúcense modificacións derivadas dos acordos adoptados na última Conferencia Mundial de Radiocomunicacións e recóllense recentes Decisións e Recomendacións emanadas da Unión Europea e de organismos internacionais relacionados coas radiocomunicacións, aos que España pertence, como a Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) e a Conferencia Europea de Administracións de Correos e Telecomunicacións (CEPT).
Entre as actualizacións realizadas destaca a previsión para o uso da tecnoloxía UMTS nas bandas de GSM 900 e GSM 1800, unha vez que se considere o devandito uso nos correspondentes “títulos habilitantes”. A utilización de novas tecnoloxías dixitais de radiocomunicación, como o UMTS, permitirá realizar no futuro “un uso máis eficiente destas bandas de frecuencias”.
Tamén se previu a introdución de servizos de radiocomunicacións móbiles a bordo de aeronaves na banda de 1800 MHz, e asemade, autorízanse novos dispositivos de curto alcance e de banda ultraancha (que emiten moi baixa potencia e cun curto alcance pero cun grande ancho de banda) o que permitirá o desenvolvemento dunha gran variedade de novas aplicacións relacionadas coa localización, aplicacións médicas, transmisión de imaxes…que requiren de velocidades de acceso moi altas. O desenvolvemento de dispositivos baseados nestas tecnoloxías contribuirá, segundo apuntan, “ao fomento da Sociedade da Información, á innovación e ao impulso do mercado interno no ámbito da Unión Europea (UE)”.
Por último habilítase unha nova banda de frecuencias en torno a 60 GHz para sistemas multimedia sen fíos, aplicacións de redes de área local inarámicas e de punto a punto. Tamén se actualizan as canalizacións do servizo fixo nas bandas de 6 GHz e de 8 GHz para ter en conta os usos nacionais por satélite destas frecuencias.

PUBLICIDADE