Industria abre unha consulta pública sobre a banda larga como elemento do servizo universal

mércores, 14 de outubro do 2009 Raquel Noya

O Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, na súa teima por dar conta das vantaxes das novas tecnoloxías e Internet entre a cidadanía e co obxectivo de comprobar ata onde chegan os servizos reais que ofrece a administración e as operadoras na actualidade, vén de abrir unha consulta pública sobre o servizo universal, a fin de contar coa opinión das partes interesadas (usuarios, operadores…) acerca das prestacións da banda larga como elemento do servizo universal, así como sobre os aspectos máis relevantes ao considerar na designación de operador ou operadores que desempeñen esta función a partir do vindeiro 1 de xaneiro de 2011.
A consulta está a disposición dos usuarios na páxina web do Ministerio e as respostas á consulta deberán remitirse, antes do 26 de outubro, por correo electrónico.
O servizo universal está constituído por un conxunto de elementos cuxa prestación garánteselle a todos os cidadáns que o soliciten, independentemente da súa localización xeográfica, cunha calidade garantizada e a un prezo asequible.
Na actualidade, inclúe a telefonía, os servizos de axuda ao establecemento de chamdas (guías e consulta telefónica de números de aboado), a telefonía de uso público dende cabinas, o acceso funcional a Internet básica, o Abono Social para usuarios con necesidades sociais especiales e outras medidas específicas para os usuarios con discapacidade.
O aspecto máis relevante desta consulta é o relativo ás prestacións da banda larga como elemento do servizo universal, que se deberá incluír na normativa nacional tan pronto como o permita o marco regulador comunitario que está agora en proceso de revisión. O obxectivo é contar coa opinión das partes interesadas de cara á determinación, por parte do Goberno, dos termos nos que se levará a cabo.
Os principais aspectos sobre os que se recaba a opinión dos interesados son, entre outras cousas, a velocidade nominal mínima que deberá proporcionárselle ás persoas interesadas, o emprego de tecnoloxías móbiles no acceso, o calendario de implantación e os modelos tarifarios da banda larga do servizo universal.
A partir dos resultados obtidos, e dependendo do interese que exista por parte de operadores ou empresas en ser designados como operadores do servizo universal, o Ministerio de Industria, vén de anunciar que convocará os concursos que sexan necesarios por elementos e zonas xeográficas.

PUBLICIDADE