Incidencia masiva no servizo de Internet do operador R

martes, 5 de maio do 2020 Marcus Fernández

Dende preto da unha do mediodía o operador de telecomunciacións R experimenta unha incidencia que deixou sen acceso á Rede a boa parte de Galicia nun momento crítico, no que a poboación está confinada, con moitos cidadáns teletraballando ou tirando proveito da formación en liña, polo que a reacción en redes sociais non se fixo agardar, e centos de mensaxes preguntaban pola incidencia que non foi recoñecida publicamente pola compañía até preto das dúas e cuarto, cando pediron desculpas polas molestias sen dar detalles sobre prazos de resolución. Paralelamente os usuarios protestaban na Rede por non recibir información por canles oficiais e por estar saturado o servizo de atención telefónica dende case o primeiro minuto da incidencia.
Curiosamente non foron poucos os que decatáronse de que, como durante algunha outra incidencia anterior, o que estaba a fallar en R eran os servidores de DNS, polo que animaban aos usuarios a configurar manualmente os seus equipos coas DNS de Google ou as de Cloudflare, solución que parecía funcionar correctamente e da que curiosamente non se fixo eco o operador, co que poderían ter facilitado que moitos usuarios recuperasen o acceso á Internet.
Dende páxinas web como Downdetector ou Fing consideran a incidencia solucinada tras máis de 4 horas sen servizo, o que supuxo un serio problema para moitos usuarios, que na situación actual de confinamento teñen unha necesidade maior que nunca de conectividade para traballar, estudar ou, simplemente, prover de contidos ao seu lecer doméstico.

R tardou hora e cuarto en recoñecer a incidencia en redes sociais e no momento de escribir estas liñas continúan sen notificala na área de clientes da súa páxina web

ACTUALIZACIÓN: Ás sete da tarde R deu a incidencia por solucionada, o que suporía entre 5 e 6 horas de duración da mesma.

PUBLICIDADE