Incautan o portátil dunha nena de 9 anos en Finlandia por descargar música da Internet

xoves, 22 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Se pensabamos que en España a SGAE tiña mala sona polas súas prácticas recadadoras que algúns cualificaban como mafiosas, parece que en Finlandia a entidade homóloga, a TTVK, está a chegar a niveis que van ferir de morte a súa reputación a nivel global, pois vén de facerse público unha actuación realmente escandalosa de abuso pola súa banda. Os feitos remóntanse a outubro de 2011, cando unha cativa dende o seu portátil buscaba facerse co disco da cantante Chisu, chegando a parar a The Pirate Bay, onde atopou o xeito de descargar os temas musicais sen pagar, o que provocou que a TTVK contactase co pai da rapaza advertido da infracción do copyright e ofrecendo rematar o conto tras o pagamento dunha compensación de 600 euros e o asinado dun acordo de confidencialidade, ao que o proxenitor negouse, polo que o pasado martes ás 8 da mañá recibiu a visita da policía no seu domicilio cunha orde de rexistro e incautación de probas relativas á compartición de ficheiros ilícita, incautando o ordenador portátil de Winnie the Pooh da cativa. Os axentes chegaron a comentar que “tería sido máis doado para todos se pagases a compensación”.
O pai da cativa tamén asegura que a suposta descarga efectuada pola súa filla non funcionou, e tivo que mercarlle o disco de Chisu no seu día, polo que resúltalle especialmente molesto que a TTVK actúe contra cidadáns con independencia da súa idade ou de se adquiriron os contidos legalmente de xeito paralelo ás descargas. Ao parecer, non teriamos escoitado falar antes destas prácticas por parte da TTVK porque ata o momento terían rematado en acordos confidenciais, e o feito de que agora non puidesen facer tal, e chegasen tan lonxe como para acosar a unha nena, deixa en evidencia os abusos que poden xurdir dunhas leis que antepoñen os dereitos das empresas aos dos cidadáns.
Dende Froiteiras Electrónicas (EFF) aseguran que estamos ante un bo exemplo do lonxe que están a chegar as leis de protección do copyright e a falta de xuízo de entidades de xestión e axentes da lei; mentres que representantes da cantante Chisu aseguran a través de Facebook que os artistas e discográficas non teñen ningún control sobre as actuacións que emprenden de xeito independente dende a TTVK.

PUBLICIDADE