Inaugúrase o Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia

venres, 5 de setembro do 2008 Marcus Fernández

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, realizou unha visita ao Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia

Emilio Pérez Touriño, presidente da Xunta de Galicia, presidiu esta mañá a inauguración do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, no que a Concellería de Traballo investiu preto de 4,5 millóns de euros e que nace co obxectivo de «sensibilizar, promover e potenciar» o uso das TIC na comunidade.
O Centro ten definida unha programación ata xuño de 2009 encamiñada a analizar as necesidades formativas na área profesional relacionada coas TIC e a cualificar e formar especialistas, de xeito que ofrecerá os cursos máis demandados polo sector de balde (con independencia do seu poder adquisitivo).
O programa de formación do centro inclúe preto de 50 cursos especializados que se inicia con 16 actividades de formación que se desenvolverán entre os meses de outubro e decembro, como serán cursos de administración de sistemas Windows Server 2008 – MCITP Server Administrator ou actividades de aprendizaxe da metodoloxía de organización e desenvolvemento de proxectos ITIL.

Touriño , presidiu a sinatura do acordo de colaboración entre o Goberno galego e grupos empresariais internacionais para a formación en novas tecnoloxías

Touriño incidiu na súa intervención que o novo organismo terá coma un dos seus cometidos fundamentais o establecer os mecanismos necesarios que permitan detectar e anticiparse ás tendencias e necesidades do mercado de traballo, servindo tamén coma ponte entre a formación académica regrada e a demanda do mercado laboral.
Na mesma xornada o presidente da Xunta presidiu a sinatura de distintos protocolos de colaboración entre a Consellería de Traballo e empresas punteiras (Adobe Systems Ibérica, CA IT Management Solutions Spain, Cisco Systems International, Hewlett Packard Española, International Business Machines, Microsoft Ibérica, Novell Spain, Oracle Ibérica, SAP e Sun Microsystems Ibérica) co fin de establecer unha liña de traballo entre a administración galega e o mundo da empresa, nunha colaboración que agardan que sexa «estable e produtiva para ambos e beneficiosa para os cidadáns».

PUBLICIDADE