Inaugúrase a nova edición de #InLugo coa máxima repercusión nas redes sociais

venres, 16 de decembro do 2016 Redacción

Este venres inaugurouse a cuarta edición de #InLugo (o Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais). A apertura do evento contou coa presenza do presidente da Deputación, Darío Campos Conde, xunto coa alcaldesa Lara Méndez López. O evento, organizado pola entidade provincial, xuntará preto de 20 profesionais e expertos do ámbito das novas tecnoloxías durante esta fin de semana. Segundo informou a Deputación, o congreso converteuse nun dos temas máis comentados a nivel estatal na rede social Twitter ao longo da tarde, “sendo trending topic no ámbito español”. O presidente deu a benvida aos participantes e relatores e fixo fincapé na vontade aberta e participativa da xuntanza. Tamén agradeceu “as mostras de apoio recibidas desde o primeiro momento en que se anunciou esta nova edición do congreso”. Neste senso, destacou o feito de que se esgotasen as 600 entradas repartidas nas tres sesións nas que se divide o evento.
Pola súa banda, Lara Méndez sinalou que “dende o Concello traballamos na liña de converter Lugo en referente de encontros e convencións”. Darío Campos e Lara Méndez, amais do devandito, presentaron o concurso de fotografía #Inlugo16 co que “se busca premiar as imaxes que mellor reflictan a cidade e/ou o congreso”, fotografías que os asistentes están xa a publicar nas redes sociais coa etiqueta #InLugo16. Méndez e Campos lembraron que a/o gañadora/o do concurso recibirá un smartphone última xeración. Para animar aos asistentes a participar nesta iniciativa, a alcaldesa realizou un selfie’ co presidente da Deputación que subiu a súa conta de Twitter empregando a devandita etiqueta.
Programa do sábado
10:30 Lugo na rede. Presentación de empresas, iniciativas e proxectos relacionados coa rede e con ADN lucense.
Presenta: Pablo Rivera (@priveracapon), deputado Provincial de Innovación, Participación Cidadá, Modidade e Deportes:
• Leandro Barea (@LeandroBarea), ilustrador e humorista gráfico.
• Natalia Alonso (@CampusTerraUSC), xestora de Comunicación do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela.
• Carmen Porteiro (@camaposa), fotógrafa de confianza de Google.
• Manuel Soto (@ManuSotoAg), CEO de Peryco.
12:30 Obradoiro formativo Aprende a crear desde cero unha web para o teu negocio:
• Álvaro Fontela e Ángela Piñeiro (@RaiolaNetworks), empresa líder de aloxamento WordPress.
14.00 Xantar con relatores.
17:00 O bo, se breve... Relatorios de 20 minutos (e 10 para o público)
Os nativos dixitais non existen. Javier Pedreira (@wicho), autor do blogue Microsiervos e especialista en cultura dixital.
Das Pontes aos vestiarios de todo o mundo. Simón Cabarcos (@blindaxe_sport), director de Blindaxe Sport
18:00 a 18.30 Pausa para o café
• Prensa Nativa Dixital. Daniel Basteiro (@basteiro). Xornalista e co-fundador do Español (@elespanol)
Éxito en YouTube. Sebas Mouret (@sebasgmouret) YouTubber de éxito
19:30 Entrega dos IV Premios #InLugo e gañador do concurso de fotografía coa presenza de Darío Campos (@depulugo), presidente da Deputación de Lugo e Lara Méndez (@LaraMendezLopez), alcaldesa de Lugo.
20.00. Foto de familia. Despedida e peche.
Cuarta edición dos premios
Como peche ao congreso realizarase a tradicional entrega dos Premios InLugo. Nacidos coa intención de recoñecer o labor e o empeño posto por empresas e proxectos lucenses no ámbito dixital, conta con tres categorías: Comercio, Lecer e Restauración; Deportes, Cultura e Acción Social; e e Tecnoloxía.
Preto de 40 candidaturas foron presentadas para optar a estes premios de recoñecido prestixio a nivel galego e estatal. En concreto, 14 inscribíronse na categoría de Comercio, Lecer e Restauración, 16 na de Deportes, Cultura e Acción Social, e 9 na de Tecnoloxía. Logo de finalizar o prazo para participar, un xurado formado por membros da Deputación foi o encargado de valorar as candidaturas e elixir aos finalistas que se darán a coñecer durante a cerimonia de entrega será a partir das 19.30 horas o sábado.

PUBLICIDADE