InVerbis recibe 400.000 euros de Lugo Transforma

mércores, 12 de abril do 2023 S. P.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu a coñecer esta semana o nome da terceira das empresas que contará co financiamento da Estratexia Lugo Transforma: a empresa tecnolóxica Inverbis. Acompañada de Jesús Torres, conselleiro delegado de Torsa e da analista Marta Baltar, a rexedora deu a benvida a InVerbis Analytics como outra das beneficiarias deste fondo emprendedor.
Como lembraremos, InVerbis naceu como un proceso de incubación e transferencia tecnolóxica desde o CiTiUS, o Centro Singular de Investigación de Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela. Era o ano 2020 e xurdía coa vontade de introducir no mercado vantaxes para as empresas encamiñadas a xerar importantes aforros de xestión, automatizar as súas operacións de maneira rápida e efectiva e facilitar os procesos de certificación. “Hoxe, case tres anos despois, os seus algoritmos están á vangarda internacional, ofrecendo a que xa se considera a ferramenta de minaría de procesos máis flexible que existe neste momento”, explicou a rexedora.
Lara Méndez referiu tamén que, co apoio de Lugo Transforma, do que recibirá 400.000 €, InVerbis poderá afrontar o fortalecemento da compañía integrada nestes momentos por 14 persoas, entre as que figuran dous doutores de física, un doutor en enxeñaría de computación, e dous enxeñeiros industriais con posgraos na análise da información a gran escala (Big Data) e Intelixencia Artificial. A previsión de xeración de emprego da empresa é a de cuadriplicar o seu cadro de persoal dende agora e até o 2025, creando 38 novos postos de traballo para os que botarán man de perfís saídos directamente dos graos dos que dispón a USC en Administración de Empresas, Marketing, Publicidade, Avogacía, Relacións Laborais e Empresa e Tecnoloxía.
Méndez sinalou que o fondo Lugo Transforma terá “un impacto transcendental” no desenvolvemento de produto de InVerbis e no seu esforzo de expansión, “tendo en conta que InVerbis traballa nunha categoría de software moi nova e cuxo alcance é global”. E engadiu: “Só existen ao redor de vinte empresas en todo o mundo dedicadas ao mesmo vertical polo que a composición da súa carteira de clientes necesariamente estará orientada cara o mercado internacional, máis aló do nacional, que tamén”.
Jesús Torres, de Torsa Capital, destacou o potencial de InVerbis, da que sinalou “está conseguindo posicionarse como marca no sector, á que lle vemos unha gran fortaleza no equipo executivo que acumula anos de experiencia en xestión empresarial, desenvolvemento do negocio e tecnoloxía da información, así como no consello científico asesor que os acompaña con experiencia en tecnoloxías intelixentes ou aprendizaxe automático. InVerbis compite nun mercado relativamente novo e con moi boas expectativas de crecemento, con moito campo aberto para traballar xa que ao redor do 97% das empresas aínda non se incorporaron á minaría de procesos”.
Por outra parte, o conselleiro delegado da xestora indicou, que “nestes momentos, e con máis de medio cento de proxectos interesados no fondo, hai xa 30 en diferentes fases de análise, algún deles moi avanzado e cuxas propostas de investimento agardamos poder presentar no próximo comité que se convocará para a última semana de abril”, adiantou.
“InVerbis é xa o terceiro proxecto que aterra no fondo, xunto a LexDigo e Innogando. Xuntos crearán en torno a 120 postos de traballo directo. Son 120 oportunidades para os e as lucenses de atopar un emprego de calidade e estábel na nosa cidade. Esta é a verdadeira esencia do Lugo Transforma. Que empresas, de gran proxección, referentes no seu sector atopen a man tendida da Administración para despegar e expandirse, porque co seu crecemento tamén crece e prospera a cidade”, sostivo a alcaldesa de Lugo.
O Fondo Lugo Transforma está constituído polo Concello (que mobilizou 12 millóns de euros) e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso, Dmanán e Torsa capital que incrementaron o fondo inversor con un millón de euros máis.

PUBLICIDADE