Improving Metrics instaura o teletraballo como unha política de empresa voluntaria e preferente

mércores, 16 de marzo do 2022 S. P.

Improving Metrics, consultora galega dedicada a mellorar os negocios dixitais grazas á analítica de datos e a estratexia dixital, compartiu con nós os seus máis recentes avances en materia laboral dirixidos a mellorar a calidade de vida do seu equipo e a súa marxe de conciliación familiar. En concreto, a empresa decidiu instaurar o teletraballo como unha política de empresa voluntaria e preferente.
Esta iniciativa, segundo informou a empresa, é un paso máis nas estratexias postas en marcha durante a pandemia, onde xa se apostou de cheo por este modelo de traballo, unha metodoloxía que agora é política de empresa. A medida afecta a un persoal constituído por uns 40 traballadores e traballadoras.

Paula Medina, de Improving Metrics

A empresa lembra que dende a declaración do estado de alarma xusto hai 2 anos, mantivo ao seu equipo de traballo baixo unha modalidade remota que este ano pasa a ser unha modalidade oficial. Work Smart, Work Improver é o nome que a consultora elixiu para denominar o seu marco oficial de traballo remoto. O obxecto do devandito marco é “formalizar voluntariamente un acordo de actividade laboral a distancia na modalidade de teletraballo, de conformidade co establecido no Real Decreto-lei 28/2020, de 22 de setembro, de traballo a distancia”. Este marco ten como premisa básica a seguinte: fomentar unha cultura de traballo áxil, flexíbel e dinámica, sentando un precedente na empresa e no sector e converténdose, deste xeito, nunha das primeiras empresas en España en asinalo con todas e todos os seus colaboradores, sen excepción. Respecto das razón para ter tomado esta decisión, o equipo directivo de Improving Metrics sinala que o que se iniciou “como unha forma de salvagardar a saúde das persoas, converteuse nun impulso no fortalecemento dunha cultura de empresa que xa se asentaba nos valores como a confianza, o respecto e a responsabilidade”.
Paula Medina, responsábel da área de People & Culture de Improving Metrics, explica con máis detalle estas razóns e o seu impacto non só na baixa incidencia de contaxios no equipo, senón os altos niveis de produtividade, evidenciados no seu crecemento en negocio e facturación ao peche do ano pasado: “A pandemia tomounos por sorpresa a todos. Pero nós, con todo, xa tiñamos camiño andado no traballo remoto. A natureza do noso negocio xa nos esixía dispor de ferramentas telemáticas para a xestión do traballo diario e a atención dos nosos clientes, polo que a adaptación ao teletraballo deuse de forma natural e sen friccións”. E engade: “Un dos retos aos que nos enfrontamos é o feito de comunicar e manter unha cultura corporativa sólida. O traballo a distancia limita o contacto e restrinxe as interaccións sociais. Levamos un tempo traballando este aspecto desde a base e con todo o persoal. A receptividade e apertura do equipo para desempeñar as súas funcións baixo esta modalidade foron impresionantes. Ademais, factores como a conciliación familiar, a redución dos desprazamentos e a redución do gasto en xeral, foron determinantes”.

PUBLICIDADE