Importantes expertos en informática xudicial danse cita na Toxa

mércores, 26 de maio do 2010 Raquel Noya

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), que xa leva un tempo organizando as primeiras Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, que se celebran no noso país para informar aos xuíces e maxistrados sobre os avances realizados en materia probatoria no eido dos delitos dixitais, vén de confirmar a asistencia do profesor Miguel Ángel Davara Rodríguez, primeiro catedrático europeo en Dereito Informático, que se une á presenza xa confirmada en días pasados de Eloy Velasco, maxistrado-xuíz da Audiencia Nacional e experto en delitos informáticos.
Esta Xornada, que segundo afirman dende o CPETIG “é absolutamente pioneira en Galicia en canto á súa temática e público obxectivo”, vai dirixida a xuíces, maxistrados e fiscais, principalmente dos partidos xudiciais de Galicia, e contará, asemade, coa presenza de Paloma Llaneza, avogada de prestixio internacional e presidenta de AEDEL, así como de Juan Salom Clotet, xefe da UCO do Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil.
O Hotel Talaso da Illa da Toxa foi o paraxe escollido pola organización para celebrar estas xornadas, que terán lugar o vindeiro día 5 de xuño.

PUBLICIDADE