Importante caída nas vendas de móbiles de Xiaomi e Apple no mercado chinés

mércores, 17 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Datos das vendas de smartphones en China durante o segundo semestre do ano (recollidos por IDC). As unidades están en millóns.

A consultora IDC está a facer balance dun dos mercados na venda de smartphones a nivel mundial, China, que continúa a ser un fervedoiro de compañías pouco coñecidas no mercado occidental que alí arrasan en vendas, pero cunha agresividade tan grande que dificilmente conseguen sobrevivir dun ano para outro nos primeiros postos de vendas, e na análise que fan dende IDC desvelan que os tres principais fabricantes hoxe (Huawei, Oppo e Vivo) acaparan o 46,6% do mercado, relegando a Xiaomi a unha cuarta posición, tras a que estaría Apple, deixando constancia que o mercado chinés é moi particular.
O feito de que Huawei lidere as vendas chinesas non é ningunha sorpresa, xa que esa compañía incluso consegue ter magníficas vendas en Europa, sorprendendo un pouco máis que Oppo consiga entrar nun segundo posto, pois experimentou un crecemento interanual do 124,1%, algo realmente rechamante, e que parece ser consecuencia do interese do público pola súa tecnoloxía de carga rápida (que promete permitir falar por teléfono até 2 horas con só 5 minutos de carga), mentres que Huawei conseguiu atraer a moitos usuarios coa calidade das súas cámaras (ao parecer o marketing do seu P9 con obxectivos certificados por Leica foi todo un acerto), mentres que Xiaomi, coa súa estratexia de non gastar cartos en publicidade, podería ter atopado unha barreira para manter o seu pulo e, de feito, caería en vendas un 38,4,% interanual.
Curiosamente non só Xiaomi experimentou unha brutal caída de vendas, senón que tamén pasou o mesmo con Apple, que caeu un 31,7%, posiblemente porque o iPhone SE, considerado como o salvador das contas de Apple durante o que vai de ano, foi un fracaso en China, onde o público demanda pantallas de grande tamaño, e non parecen ver con bos ollos as pantallas que non cheguen as 5 polgadas (á vez que os seareiros da compañía da mazá están a esperar ao lanzamento do iPhone 7 no outono, o que si podería mellorar os resultados chineses de Apple).
Dende IDC entenden que o que está a acontecer actualmente é que o mercado está saturado, polo que para conseguir rabuñar clientes é preciso apostar por estratexias de marketing agresivas, que vaian máis aló da contratación de celebridades para o lanzamento dos produtos (o que só contribúe a mellorar as vendas a moi curto prazo), xa que actualmente a diferenciación dos produtos é moi complicada, resultando moi complicado conseguir que un dispositivo cause expectación.

PUBLICIDADE