Imaxina Coruña premiou iniciativas para mellorar a accesibilidade e reducir a contaminación lumínica

luns, 15 de maio do 2023 S. P.

Premiados na anterior edición de Imaxina A Domus da Coruña acolleu este sábado 13 de maio a fase final da segunda edición do concurso escolar Imaxina Coruña, certame do Concello (a través dos servizos municipais de Educación e Museos Científicos) que pon a proba o talento do alumnado de diversos centros educativos da cidade e a área metropolitana, “contribuíndo á difusión da cultura científica e tecnolóxica”.
A rapazada de Secundaria levou a cabo novamente unha investigación por grupos na busca de solucións a problemas reais da sociedade, desta volta arredor da ciencia cidadá, Os IES Urbano Lugrís, IES David Buján, CPE Compañía de María e CPR Esclavas do Sagrado Corazón foron os centros educativos que chegaron á final do certame. O alumnado presentou diversos proxectos, de temática variada, orientados a avaliar a calidade de auga nas fontes, a contaminación lumínica, a medición de CO2 nas aulas, a creación de mapas sonoros da cidade e tamén lembranzas de edificios antigos.
No contexto do desenvolvemento dos seus proxectos, o alumnado participante contou coa colaboración do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), que elaborou unha aplicación para dispositivos móbiles deseñada expresamente para a execución de proxectos de ciencia cidadá no eido escolar.
O xurado, integrado por Andrea Cadaveira, codirectora da Open Science Cambre 2022 e directiva de Asociación Xuvenil Xentde100cia; Diego Castro, gañador da Exporecerca Xove e do Water Prize España; María José Malmierca, directora de e-learning do CESGA; José Viñas, creador da Guía de Ciencia Cidadá da Xunta; e Patricia Barciela, directora técnica da Domus, que actuou como secretaria, determinou a listaxe de proxectos premiados:
-Premio á Sustentabilidade: proxecto I-luminados, do CPR Esclavas do Sagrado Corazón. O xurado destacou a importancia de minimizar o impacto dos diferentes tipos de luz sobre os seres vivos e a súa contorna.
-Premio á Innovación: proxecto A que soa a cidade?, do CPR Compañía de María. O xurado valorou a variedade e enfoque no uso de aplicacións móbiles para a recollida e análise de datos.
-Premio ao Compromiso Social: proxecto Coruña dos Coruñeses, do IES Urbano Lugrís. O xurado subliñou a sensibilidade do alumnado pola accesibilidade física e económica a unha enorme diversidade de sitios da provincia da Coruña, asi como a elevada participación cidadá na toma de datos.
As rapazas e rapaces gañadores desta segunda edición de Imaxina Coruña participarán na feira xuvenil Ztzienza Azoka de Bilbao. Neste sentido, o concelleiro de Educación, Jesús Celemín, que tomou parte no acto de entrega de premios celebrado na sala Leonardo da Vinci, animou ao alumnado a seguir avanzando no desenvolvemento das ideas presentadas na Domus.

PUBLICIDADE