Imatia, encargada do desenvolvemento da sede electrónica de Pontevedra
luns, 14 de marzo do 2016
Co arranque de marzo
botaba a andar a sede electrónica do Concello de Pontevedra,
sede.pontevedra.gal, un
espazo destinado a permitir á cidadanía cousas como facilitar ao
máximo a resolución de todo tipo de trámites e xestións (nun
primeiro intre tramitacións sinxelas como a comunicación da conta
corrente, declaración de datos fiscais, solicitude xeral ante o
Rexistro, etc). Como lembraremos, o espazo en liña xa encetou a
recepción de peticións e suxestións na mesma xornada do 1 de
marzo: nesa
mañá a páxina rexistraba 42 accesos na súa parte privada
tanto de empresas como de particulares. A sede electrónica de
Pontevedra é unha realidade grazas ao labor despregado polo Concello
pero
tamén polos coñecementos e tecnoloxías aplicados pola firma galega
Imatia.
A empresa foi, de feito,
a encargada do desenvolvemento da plataforma, a través da súa marca
orientada ás entidades públicas, Cividas, un recurso de cuxas
funcionalidades e pontecialidades xa temos falado en Código Cero con
motivo do seus primeiros e importantes procesos de espallamento aló
polo 2009.
A presentación da sede
electrónica e dos detalles da participación de Imatia celebrouse os
días pasados na Cidade do Lérez, con posterioridade á “botadura
oficial” de sede.pontevedra.gal. A comparecencia correu a cargo do
concelleiro de Réxime Interior de Pontevedra, Vicente García
Legísima, e Carlos Fernández Villar, en representación de Imatia.
Este último, como máximo responsábel do proxecto, explicou aos
asistentes en que consiste a sede e cales son as principais vantaxes
que achegará tanto aos cidadáns como á Administración.
Segundo fixeron saber, o
espazo en liña conta cunha parte pública, na que arestora se ofrece
aos cidadáns información sobre 64 procedementos de todo tipo
(padrón de habitantes, rexistro xeral, servizos tributarios, etc.),
os trámites ou a documentación precisa para realizalos fisicamente,
e as dependencias municipais ás que dirixirse. Tamén inclúe o
portal de transparencia e o taboleiro dixital de anuncios, así como
a posibilidade de acceder a documentación como as actas dos plenos,
ou de descargar as ordenanzas e normativas municipais.
Igualmente, na
presentación lembrouse que existe outra parte privada, na que os
cidadáns, previo proceso de autentificación, poderán solicitar de
maneira telemática algúns dos servizos ofertados polo Concello, así
como consultar o estado dos seus expedientes xa abertos ou xestionar
o pago de recibos.
Na cita cos medios
salientouse ademais o positiva que está a ser a primeira andaina da
plataforma, “cun elevado número de visitas, tanto á parte pública
como á privada, e sen que se rexistraran incidencias graves”.
Segundo engadiron, a versión móbil da sede “funciona á
perfección, coa mesma funcionalidade que a versión de escritorio e
a posibilidade adicional de escanear códigos QR”. Ademais,
explicaron, “incluíronse diferentes melloras”, como o uso do
motor de procura de Google para contidos internos, o cacheo dos datos
máis estáticos para mellorar a rapidez de resposta, ou un elevado
nivel de “configurabilidade” dos menús e contidos por parte do
propio persoal da Administración.