Imaginarium estrea o seu novo servizo de tratamento de imaxes en liña

venres, 12 de decembro do 2008 Raquel Noya

Imaginarium, a marca especializada en surtir aos Reis Magos cos xoguetes favoritos dos máis cativos da casa, vén de lanzar un servizo de personalización fotográfica para que as familias poidan “deseñar, personalizar e decorar” diferentes produtos coas súas fotos preferidas.
Os usuarios destes servizos non precisan descargar ningún programa no escritorio do seu ordenador para acceder ao sitio e rexistrarse xa que, ao entrar, a aplicación xera automaticamente un espazo virtual que se converte na área de traballo, o que fai posible que os proxectos se poidan personalizar dende calquera ordenador.
Os produtos que se poden adaptar aos gustos dos cativos mediante esta nova ferramenta son: álbums, calendarios, blocs de notas, pósters, postais e cadros, todos eles con opcións de tamaño, número de páxinas, tipos de encadernación…distintos.
Os responsables da aplicación web aseguran que crear este tipo de proxectos “é moi doado, grazas á intuitiva interface da aplicación, que conta cunha gran variedade de opcións de maquetación das fotografías, e un sinxelo sistema de inserción e retoque de imaxes”.
A aplicación de Imaginarium caracterízase, sobre todo, por ofrecer comodidade para traballar coas imaxes grazas a un manual de uso moi visual que axuda a solucionar calquera dúbida e fai que sexa moi doado facer as montaxes.
O usuario pode cargar tódalas fotografías que precise para os seus proxectos dunha soa vez, sempre e cando non superen un Gb e ademais, ten á súa disposición unha galería de ilustracións e imaxes exclusivas coa que as familias poden “adornar e dar un toque de maxín” aos seus deseños.
Unha vez finalizado o proxecto, o usuarios só ten que engadilo ao “carro da compra” e facilitar os seus datos de envío para recibilo nun prazo aproximado duns cinco días.

PUBLICIDADE