Igalia habilita un bus de balde para asistir ao relatorio de Stallman en Vigo

mércores, 29 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

A visita de Richard M. Stallman (un dos máximos promotores do espírito colaborativo da programación aberta en todo o mundo) a Vigo está a xerar expectación alén das nosa fronteiras e, como era de agardar, dentro mesmo do noso país, cada vez máis activo no emprego, desenvolvemento e tradución de todo tipo de aplicacións libres. Tanto é así que segundo informa o Centro Mancomun, a empresa galega Igalia ten previsto habilitar un autobús para favorecer o desprazamento dos seareiros galegos do software libre cara ás intervencións que Stallman impartirá no Centro Cultural Caixanova.
A cita, que é mañá mesmo (xoves 30 de abril), xirará en boa medida arredor das vantaxes da programación aberta e, tamén, do perigo das patentes (tema do que xa falara no mesmo lugar en 2005).
Segundo informa Igalia, que organiza esta visita dentro do programa de actividades do Máster de Software Libre Caixanova (no que participa arreo), a excursión ficará aberta a calquera persoa interesada, de xeito gratuíto previa inscrición e máis confirmación das paradas solicitadas. Por certo que o número de prazas será limitado, polo que se irán cubrindo por orde de anotación. Para máis detalles sobre o prazo que temos para procurar asento ou sobre as diferentes paradas do itinerario, cómpre visitar a web de Igalia, onde tamén se dá conta dos pasos a seguir para formalizar a inscrición.
Por certo que a conferencia de Stallman tamén se está a promover a través de Facebook.

PUBLICIDADE