Igalia convoca o primeiro Premio ó Mellor Proxecto Fin de Carreira con Software Libre

luns, 9 de abril do 2007 Fernando Sarasketa

O software libre vaise abrindo camiño nas vidas dos usuarios galegos de ferramentas informáticas, pero se cadra aínda fica no aire certa idea de que a través do seu emprego o que se consegue é pechar as portas ó negocio. É dicir: que a riqueza só pode provir de blindar con copyright até o máis mínimo detalle. Para a empresa Igalia, a riqueza para Galiza vén xusto do contrario: de deixar as fontes abertas para o traballo conxunto. Esa é unha das principais mensaxes sobre as que se apoia o Premio ó Mellor Proxecto Fin de Carreira (PFC) con Software Libre que vén de convocar, en colaboración coas tres universidades galegas e mancomun.org (iniciativa de usuarios e deseñadores galegos de software libre e da Consellería de Innovación). A iniciativa, que se presenta este martes 10 de abril ás 12.30 no salón de graos da Facultade de Informática da Coruña, tamén ten os seguintes fins: fomentar o achegamento dos universitarios galegos ó software libre e promover o emprego de calidade baseado nas novas tecnoloxías da información.
Segundo sinala Igalia, o mellor dos traballos presentados polos estudantes recoñecerase con 1.000 euros e coa difusión pública do mesmo. O período de inscrición vai dende o 31 de marzo até o 31 de outubro de 2007, “podendo participar calquera estudante dunha universidade galega que defenda o seu Proxecto de Fin de Carreira cunha nota mínima de 5.0 nalgunha das convocatorias entre marzo e outubro do presente ano”.
Cómpre sinalar que a iniciativa tamén se presentará na Universidade de Vigo (o día 12 de abril ás 16.00 horas na ETSE Telecomunicacións), no Campus de Ourense (día 16 de abril ás 12.00 na Escola Superior de Enxeñería en Informática da Universidade de Vigo) e na Universidade de Santiago (26 de abril ás 12.00 horas na Escola Técnica Superior de Enxeñería).

PUBLICIDADE