Igalia anuncia novas ofertas de emprego no seu seo

venres, 21 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

A empresa galega Igalia, responsable entre outras cousas do Máster de Software Libre e dun amplo abano de aplicacións abertas para trebellos móbiles, vén de anunciar novas dispoñibilidades para cubrir postos de traballo no seo da propia compañía. O anuncio, que é parte dunha estratexia por facer o máis público e aberto posible o proceso, dirixise a cubrir dous postos de traballo concretos: un de desenvolvedor web e outro no seu grupo de traballo WebKit.
Tal e como dá a coñecer a propia empresa e reflicte o portal de Mancomún, procúranse profesionais que crean na filosofía do software libre (un eido informático e do coñecemento con moitas menos barreiras, de custe e de accesibilidade) e que posúan habilidades técnicas en desenvolvemento web e dominio da lingua inglesa (no primeiro caso) e coñecementos (no segundo caso) en cuestións ligadas a WebKit, “dende renderizado, networking, accesibilidade, Javascript, multimedia ou o navegador web de GNOME”, informan.
O escenario de traballo (na imaxe), de acceder a estes postos, é ben interesante para calquera profesional das novas tecnoloxías. De feito, Igalia xa ten dado mostras de ser un referente entre as firmas galegas con compromiso social, achegando unha parte dos seus beneficios a causas de solidariedade e favorecendo medidas para mellorar a calidade de vida dos seus traballadores (incluíndo un organigrama plano e sen xerarquías, baseado en asembleas e decisións colectivas, e máis amplas marxes de manobra para realizar o traballo a distancia). As persoas interesadas deben enviar o currículo en inglés dende un apartado específico da web de Igalia.

PUBLICIDADE