IdeaLugo premia a aplicación Good Weight e o proxecto XuvenLab

xoves, 18 de xaneiro do 2024 S. P.

Este xoves 18 de xaneiro entregáronse os premios IdeaLugo, novena edición, convocados polo xornal El Progreso en colaboración con Abanca e a Universidade de Santiago a través do Campus de Lugo. Distinguiuse unha aplicación móbil (Good Weight) e un proxecto de divulgación e formación, XuvenLab.
Na cita participou o presidente da Deputación de Lugo José Tomé (quen felicitou aos premiados, proxectos que xiran en torno ao benestar animal e á divulgación científica), a presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro; a directora territorial de Abanca Lugo, Zaira Dapena; e o vicerreitor do Campus lucense, Francisco Fraga.
O presidente da Deputación subliñou que a provincia “está chea de ideas e oportunidades, que precisan do apoio das administracións públicas e tamén do propio tecido empresarial para que saian adiante”.
Neste sentido, asegurou que o apoio aos sectores produtivos “é unha das grandes liñas de traballo” que marcou á fronte da institución provincial, xunto cunha “aposta clara polas políticas sociais, polos servizos públicos”, porque son “as dúas claves para que poidamos poñerlle freo á caída demográfica e fixar poboación no noso rural”.
O proxecto gañador, que recibe 4.000€, é Good Weight, promovido por Héctor Campos e David Pérez, estudantes de Veterinaria, unha aplicación móbil orientada a combater a obesidade animal e a que os donos teñan o historial médico das súas mascotas no teléfono móbil.
Tamén se entregou un accésit, dotado con 100€, ao proxecto XuvenLab, que ofrece un servizo de formación e kits educativos para facilitar a aprendizaxe e a divulgación científica e tecnolóxica, promovida pola enxeñeira forestal Helda Peral.

PUBLICIDADE