Ibis Reader, un novo lector de e-books baseado na web

xoves, 4 de marzo do 2010 Marcus Fernández

A lectura de libros en formato electrónico está en auxe, e a compañía Threepress lévaa un paso adiante co seu lector Ibis Reader, que sorprende por ser unha aplicación web compatible co iPhone, con terminais con Android e incluso co PC, de xeito que non precisa de instalación para o seu uso e tamén evita a necesidade de sincronización entre as distintas plataformas, pois en cada dispositivo accédese ao mesmo servizo que está baseado en HTML5 o que permite que os textos poidan lerse incluso sen conexión á Rede.
Este lector conta aínda cun número moi limitado de títulos, que tamén poden descargarse en formato EPUB, podendo tamén empregarse para ler libros que xa mercara previamente o usuario noutros servizos.
Cómpre advertir que esta podería ser unha tendencia de futuro, xa que o feito de que o lector de e-books opere vía web fai que non sexa posible copiar os contidos ao dispositivo do usuario, de xeito que podería converter os textos de produto a servizo, o que sería unha protección contra a piratería.

PUBLICIDADE