Iberdrola e Endesa renuncian xa a facer negocio coa Internet a través dos enchufes

martes, 29 de maio do 2007 Fernando Sarasketa

Xa se ten anunciado moitas veces nos últimos tempos, pero semella que a destes días foi a estocada definitiva: a Internet accesible a través da rede eléctrica resultou ser borralla que leva o vento. Pólvora mollada. Isto vén a conto pola recente renuncia “oficial” a seguir apostando forte por esta tecnoloxía por parte das dúas empresas do Estado que máis viñan experimentando con ela: Iberdrola e Endesa. Os problemas deste tipo de servizo (que foi saudado ó principio como a gran solución á ausencia de rede telefónica en boas condicións nunha boa parte de España e, sobre todo, de Galiza) foron moitos e variados, e significaron un atranco para o seu espallamento, limitándoo a proxectos experimentais en zonas como Madrid ou Valencia, onde por certo xa non hai “liña” PLC de Iberdrola dende o 30 de abril, agás en contadas excepcións. Estas excepcións son as localidades de Arroyofresno e Mirasierra, na comunidade madrileña. O que si se sabe é que non haberá novos clientes de Powerline Conmunications. Os problemas principais da Rede polos enchufes son os seguintes: os retrasos técnicos, a falta de competitividade fronte ó ADSL (que ofrece o mesmo e máis barato, por moito que sexa o máis caro de Europa) e, sobre todo, as interferencias. Respecto a este último punto, cómpre sinalar o dificultoso que foi afacer os aparellos eléctricos existentes ás novas condicións, amais dos problemas de compatibilidade existentes entre o PLC e as emisións de radio, prexudicando o primeiro a trasmisión e recepción das segundas (ese foi o motivo da oposición dos colectivos de radioafeccionados a esta tecnoloxía).

PUBLICIDADE