Ibercom reúne a partir deste mércores en Santiago a máis de 700 especialistas internacionais en nova comunicación

martes, 28 de maio do 2013 Redacción

A rapera Aid, de Vigo, actuará na sesión inaugural do evento

Finalmente comeza este mércores 29 en Santiago o congreso Ibercom 2013, un evento internacional con vocación de avaliar, fondamente, a influencia das novas canles de comunicación e información nos principais acontecementos sociais, políticos e culturais que se están a desenvolver arestora no mundo, con importantes implicacións futuras. Como por exemplo o que sucedeu nos últimos anos nos países do Norte de África e Oriente Próximo, procesos de apertura democrática esixidos e fortalecidos, en boa maneira, a través das ferramentas e servizos dixitais máis populares (a Primavera Árabe). O congreso, que se vai celebrar na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago até o 31 de maio, inaugúrase este mércores ás 10.00 horas cunha mesa de apertura que contará coa presenza do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan J. Casares Long; o reitor da Universidade de A Coruña, Xosé Luís Armesto Barbeito, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato de la Iglesia. Asemade, participará José Marques de Melo, presidente da Federação Brasileira das Associações Científicas e Acadêmicas de Comunicação.
Durante a inauguración tamén estará presente, achegando a vertente musical, a rapera galega de Vigo Aid, con grande éxito nos últimos días na Rede. O seu tema Apréndeo, de feito, supera xa o medio millón de visitas procedentes de todo o mundo.
Segundo avanza a organización, o congreso Ibercom reunirá a máis de 700 investigadores do eido internacional. O evento está promovido pola Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras en Comunicación (AGACOM) e organizado por unha comisión que, baixo a presidencia da catedrática Margarita Ledo, integra a profesores das tres universidades galegas.
Segundo engade AGACOM, unha conferencia da colombiana Clemencia Rodríguez, profesora da Universidad de Oklahoma (USA), abrirá a actividade académica analizando a importancia dos medios de comunicación nos movementos e cambios sociais como a recente Privamera Árabe. Clemencia Rodríguez, engade a asociación, está especializada na análise de comunicación alternativa, comunitaria e cidadá na que traballa dende hai máis de tres décadas.
Logo, será a quenda de tres sesións plenarias para analizar os riscos e potencialidades da comunicación na era de Internet. A primeira, coordinada polo catedrático da Universidade Complutense Enrique Bustamante, xirará arredor da comunicación, o servizo público e as esferas de poder. Nos debates intervirán Vera França, da Universidade Federal de Minas Gerais; Paquete de Oliverira, do ISTCTE de Portugal; e Raúl Trejo, da UNAM de México. A segunda sesión, coordinada polo catedrático da Universidade do Minho Moisés de Lemos Martins, tratará a comunicación, os procesos de cidadanía e esferas de poder. Na sesión está prevista a intervención de Miquel de Moragas, presidente da AE-IC; Guillermo Orozco, de México, e Muniz Sodré, de Brasil. A terceira sesión, sobre a produción cultural en versión orixinal no cinema, xornalismo e televisión, estará coordinada por María Immacolata Vassallo, e contará con Marcos Palacios, Carlos Scolari, Patxi Azpillaga e Antía López.
No eido local, un panel analizará o venres o galego e os medios de comunicación no que participarán o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, a exdirectora do ILGA, Rosario Álvarez, e o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro. A conferencia de clausura, que se celebrará o vindeiro venres, está concibida como unha homenaxe ao cineasta e coordinador do Observatorio do Cinema e do Audiovisual Latinoamericano-FNCL, Octavio Getino, e consistirá nunha conferencia do profesor da Universidade Nacional de La Plata, en Arxentina, Roque González, sobre Políticas públicas e cines nacionais. Nesta homenaxe tamén intervirá Alfonso Gumucio-Dragon, asesor da UNESCO, investigador e fotógrafo, quen proxectará a derradeira entrevista con Octavio Getino.
De xeito paralelo, defenderanse as comunicacións en diferentes mesas temáticas con sesións que comezarán ás catro da tarde do xoves nas aulas da Facultade de Ciencias da Comunicación e estarán distribuídas nas seguintes temáticas: Políticas culturais, tecnoloxías e esferas do poder; Estrutura e soportes de comunicación: produción, consumo e recepción; comunicación estratéxica, organizacional e publicitaria; teoría e métodos de investigación; Educomunicación; os discursos da comunicación: migración, xénero, movemento cidadá, folkcomunicación; Estudos cinematográficos e audiovisuais; historia da comunicación e dos media.

PUBLICIDADE