Ibercom chega ao seu ecuador avaliando as reviravoltas dos medios ao servizo do poder

xoves, 30 de maio do 2013 Redacción

A profesora Margarita Ledo, unha das principiais impulsoras do congreso compostelán

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolle estes días -o 29, 30 e 31 de maio- a XIII edición do Congreso Internacional Ibercom, que leva reunido a máis de 700 investigadores vidos de diferentes partes do mundo co gallo de abranguer temas como a comunicación, as redes sociais, a cultura e as esferas de poder. Cómpre dicir que este congreso é posíbel grazas á organización por parte de: AsIbercom, AGACOM (Asociación Galega de Investigadores e Investigadoras), a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo e a USC. Os expertos asistentes ao Ibercom repararon na primeira xornada no perigo da concentración de medios e avogaron pola titularidade pública dos medios de comunicación como garante da democracia e o desenvolvemento.
Emporiso, ao longo das sesións xa celebradas o profesor da Universidade de Guadalaxara -Guillermo Orozco- salientaba a urxencia de definir e concordar un novo conxunto de dereitos cidadáns á recepción das teleaudiencias, que complemente e contrapese os xa existentes dereitos á libre expresión de todos e á libre emisión por parte dos medios. Orozco (doutor pola Universidade de Harvard e catedrático de Ciencias da Comunicación) advirte do risco da propaganda política disfrazada no reality televisivo como escenario para a inclusión de propaganda política dende as esferas do poder. Asemade, o profesor mexicano analizou o emprego político do melodrama para enmarcar ideoloxías convenientes aos poderes vixentes na sociedade actual.
Por último, informar a todas/os os interesados neste congreso que na tarde de hoxe (30 de maio) levaranse a cabo varias mesas temáticas que comezarán ás catro da tarde baixo os títulos de: Políticas culturais, tecnoloxías e esferas do poder; Estrutura e soportes de comunicación: produción, consumo e recepción; Comunicación estratéxica, organizacional e publicitaria; Teoría e métodos de investigación; Educomunicación; Os discursos da comunicación: migración, xénero, movemento cidadán, folkcomunicación; Estudos cinematográficos e audiovisuais; Historia da comunicación e dos media.
Para máis información cómpre visitar a web de Ibercom.

PUBLICIDADE