INTECO recibe o premio Función Social da Tecnoloxía polo seu decodificador de TDT accesible

xoves, 4 de febreiro do 2010 Raquel Noya

O Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación (INTECO) vén de recibir o premio DINTEL Alta Dirección 2010 na categoría Función Social da Tecnoloxía, en recoñecemento ao seu labor no desenvolvemento do software que posibilita a accesibilidade dos decodificadores de TDT.
Con este sistema, desenvolvido nas instalacións do Instituto en León, España convértese no primeiro país en dispoñer deste tipo de dispositivos, que permiten o acceso das persoas maiores e con algún tipo de discapacidade ao sinal dixital.
Víctor Izquierdo, director xeral de INTECO, recolleu o premio de mans da vicepresidenta da ONCE, Yolanda Martín, destacando a implicación desta organización nun proxecto que facilita o acceso e difusión de servizos que buscan mellorar a calidade de vida, a información e a participación de todos os cidadáns, sen excepcións, nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións.
O mérito de INTECO radica en que desenvolveu un sistema operativo para receptores de TDT, denominado IDTVOS (INTECO Digital TV Operating System), que é compatible con varios receptores do mercado e que facilita o acceso de tódalas persoas á televisión de calidade.
Trátase dunha alternativa eficaz que lle ofrece ás persoas con discapacidade a posibilidade de facer uso da TDT sen barreiras posto que inclúe una ampla variedade de funcionalidades de accesibilidade, como a posibilidade de escoller os tamaños de fonte, a axuda á navegación por voz, tonalidades de alto contraste e velocidade de voz personalizada.
Esta medida favorecerá directamente a unhas 100.000 persoas con discapacidade visual así como ás súas familias, e facilitará o emprego de receptores de TDT ás máis de 7 millóns de persoas que forman o colectivo de maiores.

PUBLICIDADE