INTECO informará na nosa terra dos seus servizos a prol da seguridade infomática nas empresas

luns, 7 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

O Seminario de Boas Prácticas na Xestión de Proxectos que o CPETIG ten programado para o vindeiro 17 de xuño contará para o seu desenvolvemento co decidido apoio do Instituto Nacional de Tecnoloxías da Comunicación a través do seu centro de resposta para incidentes de seguridade, o INTECO-CERT. Máis polo miúdo, a participación do Instituto no seminario (que dará comezo dende o Telecentro de Santiago ás 16.00 horas) materializarase principalmente en dar a coñecer ante as empresas galegas as funcións dos SXSI (Sistemas de Xestión de Seguridade da Información) como medidas de protección que complementan calquera operación de manexo ou control de datos.
Segundo avanza Iñigo Tomé (INTECO), presente na xornada cun relatorio sobre os servizos do Instituto no ámbito da salvagarda da información, os devanditos sistemas permiten que calquera organización poida contar cun proceso de xestión da seguridade totalmente integrado en tódolos chanzos do seu negocio, e cuxo fin principal é acadar un nivel axeitado de protección para os activos empresariais de información.
A seguridade”, engade, “está cada vez máis presente en tódolos aspectos e facetas das organizacións e non só como un elemento integrado, senón tamén como un elemento asociado a actividades nas que o emprego de estándares e metodoloxías contrastadas é fundamental para a consecución dos obxectivos, como a xestión de proxectos”. A seu xuízo, xa non abonda con acadar uns axeitados niveis de calidade en tódalas fases dun proxecto senón que, ademais, cómpre facelo mantendo tódalas esixencias de seguridade establecidas nas organizacións que participen. De feito, engade, a garantía deste nivel de seguridade é xa parte cotiá dos requirimentos que deben cumprir as empresas durante a execución das súas iniciativas. De aí que sexa preciso coñecer ben as vantaxes das ditas certificacións SXSI neste eido. Durante o seminario tamén se fará fincapé nas diversas actuacións que INTECO está a desenvolver no eido da seguridade, a través de CERT.

PUBLICIDADE