INEO porá a súa experiencia ao servizo dun novo proxecto dirixido a afianzar as Cidades Intelixentes

xoves, 12 de setembro do 2013 Redacción

A asociación INEO vén de informar da súa participación nunha iniciativa dirixida a fomentar e afianzar as comunicacións do futuro: esas que van permitir o desenvolvemento total da eAdministración, o fogar dixital, a computación na nube ou o teletraballo. Máis polo miúdo, INEO será parte activa no Proxecto Carisma, unha iniciativa de colaboración entre diferentes agrupacións de empresas innovadoras (AEI) e financiada polo Ministerio de Industria que persegue impulsar o desenvolvemento das Cidades Intelixentes (Smart Cities) en España. O proxecto, que INEO cualifica de ambicioso e innovador, tamén contará coa presenza de AEI de Seguridade, AEI do Coñecemento, AEI de Mobilidade, ClusterCET, ATANA e GAIA. Todas estas entidades traballarán para dar forma a propostas de cooperación dirixidas a integrar e aplicar recursos propios das Cidades Intelixentes, propostas e recursos que xurdirán, precisamente, desa contorna de colaboración que representa Carisma: un espazo para o contacto directo entre as empresas tecnolóxicas das AEI que constitúen o consorcio e os concellos de menos de 150.000 habitantes.
De feito, até unha ducia de administracións locais contarán co asesoramento de Carisma para guialas cara ao modelo de cidade conectada mediante a análise da súa situación de partida, detectando necesidades e posíbeis solucións, amais de achegar metodoloxías de boas prácticas.
Esta iniciativa, segundo informa INEO, ten o seu precedente no Proxecto IntelligenTIC, desenvolvido en 2012 e 2013 co mesmo fin, polo que outro dos obxectivos do Carisma ser á continuar co traballo que se veu facendo nos concellos xa asesorados no anterior programa. Nestes casos desenvolveranse os plans de viabilidade técnica e económica para a posta en práctica de cadansúa iniciativa nos concellos.
Segundo nos explican dende a asociación empresarial galega, o concepto de Smart City vincúlase sobre todo á mellora da eficiencia nas contornas urbanas: trátase de acadar cidades mellor xestionadas, cunha óptima mobilidade e maiores niveis de eficiencia enerxética e nas que os avances tecnolóxicos sirvan para integrar a tódolos axentes que interveñen na xestión diaria dunha cidade, “facéndoa máis participativa”.
Ademais, este tipo de modelos de xestión urbanos promoven a economía e a innovación ofrecendo novas oportunidades de negocio, sendo panca para a activación económica no eido local. “O despregamento de cidades intelixentes”, engade INEO, “supón a coordinación dun gran número de axentes e tecnoloxías, ao redor da implantación dunha estratexia a medio e longo prazo para acadar eficiencia e efectividade en resposta ás demandas dos cidadáns”.
O Proxecto Carisma diríxese aos concellos de menos de 150.000 habitantes, concellos que pola súa proximidade ao tecido empresarial local teñen máis facilidade para adoptar solucións desenvolvidas polas empresas da súa contorna máis próxima.
Esta iniciativa colaborativa terá un beneficio duplo, “xa que por unha banda redundará nunha mellora directa para os municipios de menor tamaño, axudándolles a mellorar a rendibilidade e sustentabilidade na xestión dos seus recursos, e pola outra permitirá ás PEME situar e ofrecer os seus produtos e servizos adaptados ás necesidades específicas destes concellos”, engade INEO.

PUBLICIDADE