INEO organiza este luns unha xornada para axudarnos a detectar novas oportunidades no eido das tecnoloxías limpas

luns, 18 de novembro do 2013 Redacción

Hoxe luns ás 11.00 horas dá comezo no edificio CERSIA de Santiago (en San Lázaro) unha actividade da asociación INEO de especial potencial para os nosos profesionais emprendedores que queiran afianzarse nun vieiro de gran proxección futura, o vieiro no que transitan, da man, as novas novas tecnoloxías dixitais e as tecnoloxías que achegan xestión, conservación e rendibilidade do medio ambiente. Falamos da xornada Novas Oportunidades de Negocios TIC Verdes, que organiza INEO en colaboración con FEGAXE.
Segundo nos conta a asociación empresarial galega, na xornada achegaránselles aos asistentes as claves para detectar as novas oportunidades de negocio que hai nas cidades intelixentes aplicando novas tecnoloxías e informarase das ferramentas que teñen os profesionais á súa disposición para seren emprendedores verdes: plans de negocio viábeis, estratexias que sexan referentes a seguir, formación e asesoramento axeitado...
Contarase para esta actividade con dous relatores con amplos coñecemento na materia. Por unha banda Jacobo García Durán, especialista na posta en marcha ou relanzamento de proxectos ou empresas de nova creación, con experiencia en Administración Pública, consultoría para entidades sen arela de lucro ou dinamización de redes de investidores. Pola outra, Miguel Caneda Barreiro, especialista en formación e asesoramento de emprendedores, con experiencia en dirección de proxectos así como na coordinación e na formación de recursos humanos.

PUBLICIDADE