INEO, o COETG e CENTAC avogan en Compostela por traballar en común a prol dunha sociedade dixital accesíbel

luns, 20 de maio do 2013 Redacción

INEO (a Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Comunicación), o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) e o Centro Nacional de Tecnoloxía da Accesibilidade (CENTAC) organizaron este luns en Santiago o Foro Cidades Intelixentes: Un compromiso coa accesibilidade. A xornada, á que acudiron varias ducias de profesionais TIC da nosa terra, serviu para conmemorar o Día Mundial das Telecomunicacións e a Sociedade da Información 2013 (o pasado 17 de maio, tamén Día da Internet e Día das Letras Galegas) e tamén para relembrar a tódolos implicados (administracións, empresas e cidadanía) a importancia de apostar por unha Sociedade do Coñecemento que non deixe a ninguén fóra. Noutras palabras: a importancia de defender a toda costa a accesibilidade. Arredor disto, precisamente, xirou un dos relatorios estrela do programa, o que ofreceu Juan Luis Quincoces (director xeral da Fundación Centro Nacional de Tecnoloxía da Accesibilidade, CENTAC).
O acto desenvolvido en Santiago foi inaugurado por Miguel Merino, vicedecano e vicepresidente do COETG, e máis por Jorge Cebreiros, presidente de INEO. Cebreiros fixo fincapé, na súa intervención, na temática aperturista e universal do acto, que se centrou, como rezaba no seu epígrafe, en debater sobre as Cidades Intelixentes (Smart Cities). Falar sobre isto, sinalou, implica falar de algo máis que de novas tecnoloxías e botar abaixo atrancos de linguaxe e de comunicación. Na súa opinión, “case sempre que tratamos as TIC, estamos nun nivel de interlocución que nos separa do resto da cidadanía, que non nos entende”. Polo tanto, explicou, é preciso que aprendamos a lección de escoitar aos demais, de comunicármonos, tendo sempre presente que todos nós, dende o primeiro até o último, nacemos con algún tipo de discapacidade.
Cebreiros abriu o acto, ademais, dando a coñecer un acordo de colaboración asinado previamente co CENTAC, na propia sede do CNTG, formalizado co obxectivo de colaborar con este centro no seu traballo incansábel de botar abaixo todo tipo de barreiras de mobilidade, de información e de comunicación. Logo de Cebreiros, tomou a palabra Juan Luis Quincoces (director xeral da Fundación Centro Nacional de Tecnoloxía da Accesibilidade, CENTAC), quen logo de presentar as liñas de traballo do centro que dirixe (unha fundación nacional para loitar contra a exclusión social e tecnolóxica que sofren as persoas con diversidades funcionais ou motrices), falou dos recursos que se precisan para ter á nosa disposición unha cidade intelixente accesíbel. Quincoces aproveitou a ocasión para convidar aos presentes, representantes das administracións e das empresas galegas, a sumarse ao seu compromiso contra as fendas dixitais, xa que, de non facelo canto antes, xeraranse en breve novas barreiras, novas inaccesibilidades e novas discapacidades, coma se dunha progresión xeométrica se tratase. Na súa opinión, aínda estamos a tempo de concibir cidades de verdade intelixentes, e cumpriría actuar canto antes, xa que logo, cando xa sexan unha realidade palpábel e visíbel, os custos e esforzos para readaptalas para abranguer a toda a cidadanía serán desorbitados. Tamén fixo saber que é unha Cidade Intelixente só é intelixente se é accesibel. Se non é accesíbel, nunca poderá ser intelixente.
Logo de Quincoces, interviñeron Felicitas Rodríguez (responsábel do programa de Voluntariado Dixital da Xunta) e Pablo Bermúdez (director xeral de SCIO Innovation Technologies).

PUBLICIDADE