Ineo e a AETG premiarán a mellor aplicación TIC do ano en Galicia

martes, 31 de xullo do 2012 Raquel Noya

O vindeiro 26 de outubro, o Gran Hotel de A Toxa vai acoller unha das citas máis importantes para o sector das novas tecnoloxías do noso país, que concentrará na súa XVII edición aos máis grandes profesionais e responsables de empresas punteiras do eido das Telecomunicacións.
Falamos da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, que este ano volverá a acoller no seu seo unha nova edición do Premio Ineo á Mellor Aplicación TIC 2012, que convocan a AETG e a Asociación Multisectorial Ineo para incentivar a creación de dispositivos tecnolóxicos de utilidade para toda a cidadanía.
O obxectivo da AETG e Ineo din, “é apoiar as ideas e proxectos innovadores de clara aplicación tecnolóxica baseados en resultados xerados nas empresas, así como produtos e servizos innovadores, xa rematados ou en fase de desenvolvemento, encamiñados a impulsar o aproveitamento de resultados e/ou tecnoloxía xerada en Galicia”.
Segundo informan ámbalas dúas entidades, poderá concorrer a este premio calquera empresa con domicilio social en Galicia, que teña unha idea ou proxecto baseado na innovación e as novas tecnoloxías e que dera como resultado unha aplicación TIC singular.
Aquelas firmas que desexen optar ao galardón deberán solicitar o boletín de participación na sede da AETG (teléfono 986 465 234), facer unha memoria ou resumo explicativo da aplicación e enviar ámbolos dous documentos por correo electrónico ás direccións: aetg@aetg.org e administracion@coetg.es, indicando no asunto: “Premio Ineo”.
O prazo de recepción das memorias rematará o vindeiro venres, 21 de setembro, ás 14:00 horas.

PUBLICIDADE