INEO e BIC Galicia danlle pulo á creación de empresas TIC lideradas por mulleres

xoves, 15 de decembro do 2011 Raquel Noya

O feito de que dúas mulleres emprendedoras dirixan cadansúas entidades pioneiras na nosa Comunidade no uso das TIC (como son BIC Galicia e Ineo, lideradas respectivamente por Maite Cancelo e Lucía Gregorío) non podía tardar en dar como resultado o xerme dun proxecto innovador pensado nas mulleres galegas, co que darlle pulo e apoiar a creación de empresas por parte das mesmas.
A presentación desta Rede, coa que dar soporte e impulsar en Galicia a creación de empresas de base tecnolóxica lideradas por mulleres, tivo lugar onte en Vigo, durante o Foro Emprender e dirixir en feminino. A muller emprendedora e directiva na escea 2.0, celebrado na Escola de Enxeñaría de Telecomunicacións de Vigo.
Segundo as estatísticas, na actualidade, o 60 por cento dos titulados universitarios son mulleres e rematan os seus estudios con mellores expedientes académicos que os seus homólogos masculinos, “pero só o 20 por cento dos postos directivos son ocupados por elas”.
Por outra banda, tampouco os datos son moi positivos no tocante á creación de empresas ou negocios, pois “só 4 de cada 10 emprendedores son mulleres, e só o 24 por cento dos titulados no ámbito TIC é muller”. A isto hai que sumarlle que delas, “só 1 de cada 3 se lanza á creación dunha empresa tecnolóxica, malia que está demostrado estatisticamente que as empresas creadas por mulleres duran un 30 por cento máis que as creadas por homes e sobreviven mellor á crise”.
Con este contexto de fondo, non é difícil adiviñar que a creación da ferramenta coa que darlle pulo á creación de empresas lideradas por mulleres do país era unha necesidade inmediata, que vén de coller forma xa grazas a BIC Galicia e INEO.
Esta Rede, segundo afirmaron as súas precursoras, “estará conformada por mulleres do sector TIC de recoñecido prestixio, que prestarán a súa experiencia e asesoramento de calidade a mulleres que están iniciando os seus pasos no mundo empresarial e que necesitan dese pulo e dunha pequena guía estratéxica que lles permita poñer en marcha su idea”.

PUBLICIDADE