INEO e AETIC colaborarán na promoción da Sociedade da Información en Galicia

venres, 14 de maio do 2010 Redacción

INEO e AETIC Galicia subscribiron un convenio de colaboración para potenciar o desenvolvemento do sector produtivo das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) na Comunidade Autónoma. Con este obxectivo común, ambas entidades complementarán as súas formulacións estratéxicas e porán en marcha iniciativas comúns. A alianza, que ten unha vixencia de tres anos prorrogables, permitirá mellorar a visibilidade das empresas galegas no panorama nacional e internacional e contribuirá a impulsar a Sociedade da Información.
O acordo entre as dúas asociacións, as máis representativas do sector TIC galego, foi asinado hoxe na Coruña por Rafael Valcarce Baiget, Presidente do Consello Territorial de AETIC en Galicia, e Jorge Cebreiros Arce, Presidente de INEO.
«Para INEO, ser socio estratéxico de AETIC en Galicia é un importante avance que, sen dúbida, contribuirá a impulsar o crecemento do sector na nosa Comunidade. Por outra banda, contar co respaldo da maior asociación TIC en España permitirá aumentar a participación das nosas empresas asociadas en proxectos tecnolóxicos de ámbito estatal», explicou Jorge Cebreiros Arce, Presidente de INEO.
«Desde AETIC Galicia, estamos convencidos de que a alianza selada hoxe é un paso adiante para fomentar o desenvolvemento tecnolóxico en Galicia. O compromiso de ambas as entidades é complementar as nosas visións estratéxicas e cooperar na proposta e execución de proxectos e de actividades comúns, que contribúan ao avance do sector TIC na nosa Comunidade», asegurou Rafael Valcarce Baiget, Presidente de AETIC Galicia.
En virtude do convenio subscrito, INEO e AETIC Galicia comprométense a complementar os seus posicionamentos estratéxicos de face á participación naqueles foros nos que ambas as asociacións se atopen representadas. Coordinarán, así mesmo, as súas accións para conseguir a máxima eficacia, en aras de aproveitar sinerxías comúns entre as empresas, impulsar o sistema produtivo do TIC e lograr un maior desenvolvemento da Sociedade da Información en Galicia
Ambas entidades considerarán como propios aos asociados da outra parte e comprométense a intercambiar información e a dar a máxima difusión entre os seus membros ás actividades dunha e outra organización.
De igual modo, AETIC Galicia e INEO desenvolverán e executarán de maneira conxunta proxectos e actividades de interese común, conforme a unha programación que se establecerá no marco da Comisión Mixta de Seguimento do Convenio. Este órgano terá, ademais, a responsabilidade de velar polo cumprimento do acordo entre ambas as entidades.

PUBLICIDADE