INECO achegará asesoramento e formación dixital nos nove concellos galegos beneficiados de RuralTIC

mércores, 21 de setembro do 2022 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, debullou este 21 de setembro os detalles do programa estatal INECO-RuralTIC, que vai beneficiar o proceso dixitalizador de nove concellos galegos de menos de 10.000 habitantes. Trátase, dixo, dun programa pioneiro da empresa INECO, dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. José Miñones enmarcou este anuncio no compromiso do Goberno de España coa cohesión territorial e coa igualdade de oportunidades do conxunto da poboación, “con independencia de onde resida”.
José Miñones lembrou que o Goberno, a través de distintos ministerios, está a “impulsar programas de dinamización rural e ferramentas para diminuír as fendas entre as cidades e os pobos, favorecer a cohesión territorial e a igualdade de oportunidades e frear o despoboamento do rural”, co obxectivo de facer que “vivir nos pequenos concellos sexa un privilexio e non unha traba para crear un proxecto de vida, de traballo ou de formación”.
O delegado sinalou que en Galicia son nove os concellos beneficiados, nos que residen máis de 24.000 persoas en conxunto. Na provincia da Coruña, as entidades locais seleccionadas son Cerdido, Porto do Son e Vimianzo; na provincia de Lugo, o concello de Trabada, e na provincia de Ourense, os concellos de Carballeda de Avia, Cortegada, A Gudiña, Parada de Sil e A Pobra de Trives. En total, seleccionáronse 50 concellos no conxunto de España para esta iniciativa das comunidades de Andalucía, Asturias, Aragón, Castela León, Castela A Mancha e Galicia.
Esta aposta pioneira levará a estes concellos a persoal do INECO, que, segundo lembrou Miñones, adicará unha parte da súa xornada laboral a prestar os labores de asesoramento e formación do programa. “A fórmula deseñada pola compañía permitirá aos profesionais que formen parte da iniciativa desprazarse temporalmente a estas pequenas poboacións para compaxinar o teletraballo coa realización de talleres formativos en dixitalización social e económica”, sinalou, engadindo que “a través deste formato de colaboración, os participantes de INECO dedicarán ata un 20% da súa xornada laboral a estas accións, mentres que os concellos achegarán as estadías durante os días laborais do período de desenvolvemento do programa”. Cada estadía terá unha duración inicial de dúas semanas, prorrogábeis outras dúas.
Os obradoiros serán de formación no uso das novas tecnoloxías á poboación de máis idade ou asesoramento ás pemes locais, entidades ou asociacións, para potenciar o seu posicionamento dixital, mellorando ou creando webs, incrementando a súa presenza en redes sociais ou deseñando aplicacións móbiles que optimicen a actividade, entre outras iniciativas.

PUBLICIDADE