IBM lidera a listaxe de patentes por vixésimo primeiro ano consecutivo

mércores, 15 de xaneiro do 2014 Redacción

IBM vén de dar a coñecer os seus datos máis recentes en materia de creación de tecnoloxía. A multinacional da informática obtivo unha nova cifra marca de 6.809 patentes en 2013, o que lle supón liderar un ano máis a lista de rexistro de patentes nos Estados Unidos. “Con esta nova marca”, sinalaron os responsábeis de IBM, “levamos 21 anos consecutivos liderando a devandita clasificación”. Segundo engadiron, as patentes de 2013 son relativas a innovacións de diferente índole que axudarán á compañía a liderar áreas estratéxicas. Un exemplo disto é IBM Watson, servizo de informática na nube e analítica de grandes datos.
Ademais, estes achados diríxense a “impulsar a chegada da computación cognitiva”, sinalou a multinacional no seu informe, un estado de cousas (o da computación cognitiva) que se vai caracterizar pola capacidade das máquinas para aprender, razoar e interactuar coas persoas de xeito natural. A xuízo de IBM, as patentes son só “un dos indicadores da innovación”, sendo igual de importante a pegada que esas innovacións teñen cando se empregan para crear solucións que axudan ás empresas a solucionar problemas.
En 2013 o número total de patentes de IBM foi superior á suma de todas as rexistradas ese mesmo ano por Amazon, Google, EMC, HP, Intel, Oracle/SUN e Symantec. O liderado de IBM foi posíbel, fixo saber a compañía, grazas ás innovacións de máis de 8.000 científicos de 41 países diferentes.

PUBLICIDADE