Huawei Video, unha nova plataforma audiovisual orientada ao móbil

martes, 11 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Esta mañá presentouse oficialmente en España Huawei Video, unha nova plataforma de contido audiovisual que busca achegar valor aos usuarios de smartphones da marca chinesa Huawei, que presume de ter «a terceira parte dos móbiles de alta gama do mundo».
Huawei Video está dispoñible para usuarios de dispositivos Huawei/Honor con EMUI 5.x ou superior que teñan un identificador da marca rexistrado en Italia ou España, e que, a través da súa aplicación oficial, permite acceder a unha selección de series, vídeos curtos, vídeos sobre deportes, documentais e películas. Como curiosidade, a aplicación non só pode empregarse a pantalla completa en horizontal, senón que tamén facilita o seu uso en vertical a pantalla partida para utilizar outras aplicacións mentres se consomen contidos.
O servizo pode contratarse por 4,99 euros/mes, achegando así unha selección de contidos, aínda que adicionalmente tamén permitirá alugar películas durante 48 horas (na liña do que fai Wuaki TV, que tamén combina subscricións con alugueres e compras), e permite até 2 dispositivos activos simultaneamente. Aparte dos contidos de subscrición ou aluguer, tamén terá unha pequena selección de contidos de balde (principalmente os primeiros episodios da series e algúns contidos adicionais, instando así a subscribirse).
Este novo servizo audiovisual promete contido local e internacional sen anuncios, resolución 4K con HDR e tamén «son FullHD dinámico», aínda que ao mercado Español chega bastante tarde, tendo xa demasiados competidores de pagamento entre os que resultará complicado destacar. Tamén resultará curioso ver se o público está disposto a pagar para unha plataforma audiovisual orientada ao móbil (xa que o resto de plataformas contan con facilidades para reproducir os contidos no televisor).

PUBLICIDADE