Hoxe remata o prazo para acceder ás 10.000 axudas de Educación para mercar ordenadores

martes, 3 de abril do 2007 Raquel Noya

Na procura de promover o uso das novas tecnoloxías e acadar a igualdade de oportunidades para as familias con menos recursos, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convocou o pasado 2 de marzo un total de 10.000 axudas (por una importe de 300 euros) para mercar ordenadores destinadas ó alumnado galego non universitario. O prazo de presentación das solicitudes para optar a estas bolsas remata hoxe, polo que os interesados en percibilas deberán completar coa máxima urxencia os formularios en liña que se atopan na páxina: www.edu.xunta.es/axudasord ou ben presentar os anexos da orde de convocatoria publicada no DOG do 2 de marzo, debidamente asinados no rexistro da Consellería de Educación.
Poden solicitar as axudas os pais, nais ou titores legais do alumnado que reúna os requisitos esixidos e aqueles que non percibiron esta axuda en anteriores convocatorias.
Para achegar as solicitudes é preciso adxuntar a seguinte documentación: copia do DNI do solicitante, copia compulsada do libro de familia no que figures tódolos membros da unidade familiar, autorización do solicitante e xustificante dos ingresos percibidos no fogar, declaración responsable do solicitante de percibir ou non outro tipo de bolsa ou axuda para a mesma finalidade e documento orixinal acreditativo da existencia dunha conta bancaria aberta a nome do solicitante.
O criterio de valoración que se terá en conta para acceder a estas axudas será o do nivel de ingresos da unidade familiar.

PUBLICIDADE