Hoxe celébrase o Día Internacional da Internet Segura
martes 7 de febreiro do 2012, por |
Hoxe celébrase en máis de 70 países de todo o mundo o Día Internacional da Internet Segura, unha xornada destinada a promover o uso responsable da Rede entre os mozos e mozas da casa e que este ano leva por lema “conectando xeracións”.
Xa que logo, nesta edición as actividades van encamiñadas a promover o diálogo e o traballo entre distintas xeracións de internautas, facendo especial fincapé nas relacións en liña que xorden entre pais e fillos, e profesores e alumnos.
Redes sociais, xogos en liña, chats, descarga de vídeos, ferramentas de vídeo baixo demanda... a Rede está chea de lugares de entretemento para os máis cativos (entendendo por cativos aos e ás adolescentes de todo o mundo), porén a seguridade coa que estes acceden ás aplicacións non é directamente proporcional ao uso que fan delas, e son moitos os perigos asociados ao mal uso de Internet.
Cibercriminais e estafadores en liña atopan a miúdo o seu punto de mira nos internautas máis inocentes, aos que poden enganar con facilidade se non se toman medidas de seguridade básicas.
Por exemplo, entre os consellos que achega o fabricante alemán de solucións de seguridade GData para navegar de xeito responsable, destacan o de protexer o noso PC con antivirus, antimalware, cortalumes e antispam axeitados e ter a computadora actualizada.
Tamén é recomendable eliminar os programas obsoletos xa que constitúen unha porta de entrada para moitas ameazas, e usar contrasinais seguras (que non inclúan información persoal) nas nosas contas en Internet.
Por outra banda, dende esta entidade lembran que ningunha información se ten que dar por certa tan só porque apareza na pantalla do ordenador (referíndose aos premios suculentos, ás peticións de axuda a cambio de importantes sumas de diñeiro, aos regalos de descoñecidos...) e da mesma maneira, hai que desconfiar dos “amigos dixitais” que non coñecemos no mundo real.
Trátase de consellos que, seguindo o lema desta celebración, a firma alemá faille chegar aos proxenitores para que llos transmitan aos seus fillos e fillas, porén ás veces, son os maiores os menos precavidos á hora de tomar medidas de precaución no mundo virtual.
A listaxe de recomendacións remata advertindo dos perigos que achega o mal uso das redes sociais e o dos smartphones e tablets, aos que se soen descargar contidos indiscriminadamente, así como a pouca seguridade que ofrecen as redes Wi-Fi á hora de intercambiar datos persoais, por exemplo para unha compra ou rexistro virtual.
Neste senso, “é conveniente utilizar a conexión que ofrece o propio operador móbil”, máis seguro que as redes públicas.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com
















