HotelTonight celebra o seu ano de actividade no mercado estatal

venres, 28 de marzo do 2014 Redacción

Os responsábeis de HotelTonight, aplicación de balde para a reserva de ofertas de hoteis no último número, fixeron estes días reconto da súa actividade ao longo dos doce anos de vida do servizo no ámbito estatal. Ao tempo, anunciaron a introdución dunha nova categoría de inventario na ferramenta, un novo recurso chamado CrashPad que ofrecerá hostais e hoteis de baixo custe en cidades senlleiras turisticamente de toda Europa (Barcelona, París, Amsterdam ou Praga). CrashPad permitiranos reservar unha habitación “económica e cómoda” do xeito máis inmediato dende o noso dispositivo.
No que se refire ao reconto da actividade, HotelTonight acadou nun ano en España un crecemento do 3700% en cando a reservas e 625% de medre en descargas. “Foi tal o impacto da aplicación”, sinalan os seus responsábeis, “que só neste tempo, Madrid e Barcelona foron quen de situarse nos postos cuarto e quinto, respectivamente, da listaxe de cidades europeas con máis reservas dende o servizo, só superadas por Londres, París e Dublín”.
Por certo que na metade dos casos, as reservas feitas no Estado estaban en relación con destinos nacionais. As cidades máis demandadas foron Madrid, Barcelona, Sevilla e Málaga.
Lembrar que HotelTonight ten presenza xa en 24 países e máis de 300 destinos, sendo o seu obxectivo chegar en breve a máis cidades. Durante este mes de marzo a aplicación estará dispoñíbel en seis países máis de Europa: Dinamarca, Suecia, Portugal, Turquía, Polonia, Grecia. A este grupo cómpre engadir Arxentina, así como outras cidades doutros países que xa contaban coa aplicación como Italia (Nápoles, Turín e Bolonia) ou Alemaña (Colonia, Dresden, e Dusseldorf).

PUBLICIDADE