Horizon Forbidden West chegará a PC o 21 de marzo

xoves, 25 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Horizon Zero Dawn foi un dos grandes xogos de PlayStation 4 que sorprenderon rachando a súa exclusividade ao estrearse en PC en 2020, e agora tocoulle á súa secuela recibir o mesmo tratamento, e confirman que Horizon Forbidden West terá versión para PC a partir do 21 de marzo, podendo xa adquirirse de xeito anticipado en Steam e na tenda de Epic Games, nunha edición que inclúe o contido adicional e a expansión Burning Shores.
Aparte de numeroso contido adicional, a versión para PC do xogo tamén permite gozar dunha taxa de fotogramas sen limitar, axustes gráficos personalizables e unha ampla gama de tecnoloxías de mellora do rendemento, como o escalado e a xeración de fotograma nVIDIA DLSS 3. Tamén é compatible con AMD FSR e Intel XeSS. En definitiva, que os usuarios que conten cun bo hardware poderán gozar do xogo en todo o seu esplendor, contando incluso coa función DirectStorage para mellorar os tempos de carga en PC.
Unha das melloras que algúns xogadores máis agradecerán é que o xogo xa non só está dispoñible en formato panorámico (16:9), senón que tamén está dispoñible en ultrapanorámico (21:9) e incluso a resolucións equivalentes a colocar 2 ou 3 monitores en paralelo.
Os que queiran gozar dunha experiencia háptica equivalente á de PS5 poden empregar un mando DualSense de PlayStation, conseguindo así unha experiencia máis inmersiva.

PUBLICIDADE