Hootsuite publica o seu barómetro das redes sociais

mércores, 12 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Tras analizar os resultados recollidos nunha enquisa publicada en maio sobre o uso das redes sociais nas empresas a nivel global, temos agora o Barómetro de Hootsuite, informe que está segmentado xeograficamente, de xeito que podemos consultar os resultados relativos a España, para saber así como empregan as nosas empresas as redes sociais, que fan nas mesmas, como as xestionan e se as súas estratexias teñen éxito.
Un detalle que destaca o informe é que «España é o país de Europa que máis utiliza WhatsApp na súa estratexia de redes sociais», mentres que co 95% do uso de Facebook quedamos nun segundo posto, só por detrás de Italia, onde o uso da plataforma social de Mark Zuckerberg achégase ao 100%. O uso de WhatsApp como ferramenta empresarial é todo un reto, xa que a medición do retorno do investimento é case imposible.
Cómpre contrastar o uso das redes sociais que fan as empresas co que fan os usuarios, xa que estes últimos dan prioridade a WhatsApp, YouTube, Facebook e Instagram; así como tamén destacan que o uso das redes sociais por parte das empresas aínda é moi tímido, como pouco persoal destinado a tal función e cuns obxectivos limitados e bastante xenéricos, de xeito que as accións van máis encamiñadas para mellorar a imaxe de marca e as compañías aínda non parecen ter claro como abordar a xestión das redes sociais.
Resulta curioso que, aínda que a limitación de orzamento é unha das grandes limitacións da estratexia en redes sociais, España é, xunto co Reino Unido, o país no que máis empresas recorrer a programas de influencers. O que tamén é salientable é que España é o país europeo no que as empresas máis involucran aos seus empregados como embaixadores en redes sociais.

PUBLICIDADE